SEA 5000

Esta é a denominación do programa australiano para a construción de nove fragatas. Anque os barcos se construirán nos estaleiros australianos, optan a este macro contrato de 25.000 millóns de euros, Navantia (España), Ficantieri (Italia) e BAE Systems (Reino Unido). O contrato que tiña que ser adxudicado o 23 de maio, aprazouse sine die polo organismo responsable do mesmo. Parece ser, segundo o xornal, que españois e ingleses son hoxe en dia os mellor situados. A contía de tan importante contrato, seica o maior da súa historia, daríalle vida a Navantia e por ende a Ferrol, durante dúas décadas e por riba un prestixio que redundaría en novos encargos. 
Navantia ten ao seu favor o ter construído xa para a Armada de Australia, dous mega buques e a xestión de tres destrutores. Estanse construíndo agora mesmo nos nosos estaleiros dous buques de aprovisionamento en combate para este país, o que significa moito camiño andado tanto na construción, como no manexo e mantemento das novas unidades. Por riba Navantia dispón de delegacións en Adelaide, Melbourne, Sydney, Canberra e en Perth.
O contrato é o suficientemente importante como para botar o resto, poñendo toda a carne no asador para acadar a súa firma. Anque estou seguro de que non descubro nada novo, quero invocar, involucrar, dende aquí a obrigada intervención dos seguintes organismos do país, que deberían ser os principais interesados no contrato e botar un cuarto a espadas para a súa adxudicación:
O Goberno central, a Xunta e a nivel local o concello de Ferrol, vía diplomática. Os políticos, presidentes, ministros, conselleiros e concelleiros teñen aquí unha boa ocasión para xustificar os seu cargos e os seus soldos, demostrando asemade máis interese polas cousas do mar e da Mariña que a nosa nación, señores gobernantes, ten preto de 6.000 Km de costa.
A Armada Española colaborando coa australiana, con todo seu potencial, manobras conxuntas, barcos destacados, centros de adestramento, Escola Naval e escolas de especialidades... etc. Contactos persoais a tódolos niveis, Almirantes, Xefes, Oficiais e suboficiais, potenciando ao máximo o irmanamento entre ambas Armadas.
E por suposto Navantia, amosando e ofrecendo as súas magnificas e modernas instalacións, seus excelentes enxeñeiros e técnicos, organizando cursos e conferencias sobre a construción naval. Sería moi interesante unha conferencia e mesmo un libro sobre a historia e a dilatada experiencia da empresa destacando as construcións máis sobranceiras e emblemáticas, entre outros moitos, o cruceiro Canarias, o Almirante Cervera, o DA/S Oquendo, as Fragatas DEG, o P/A Príncipe de Asturias sen esquecer as máis modernas unidades da nosa Armada, as Fragatas F-100, disque as mellores fragatas do mundo, o buque de proxección estratéxica Juan Carlos I, o submarino S-80 actualmente en construción... Todo isto acompañado de viaxes, visitas, invitacións... sen escatimar gastos co gallo de facerse co contrato. Con toda seguridade a competencia está empregando tódolos seus recursos e argumentos para elo.  O día que firmemos este contrato, se chega, faremos festa rachada en Ferrol!

SEA 5000

Te puede interesar