Relevo en Navantia

Co gallo do novo Goberno cambiouse, como é de rigor, anque non entendo o por que, a Presidencia de Navantia. Nin o entendo nin estou de acordo.
Cesa o ferrolán Esteban García Vilasanchez despois de ano e medio de dura xestión. Enxeñeiro Naval con preto de trinta anos de experiencia en diversos cometidos, todos relacionados coa construción e mantemento de barcos e outras instalacións navais. A causa do cese é a política e moi concretamente os votos, non hai que eu saiba outra razón.
O controvertido relevo, Susana Sarriá, madrileña e enxeñeira de Montes con experiencia en Parques e Xardíns. Nada que ver coa industria naval onde ten que aprendelo todo, dende a proa ata a popa, o babor e o estribor. A política de novo como razón principal e única do seu nomeamento, consecuencia desa andrómena chamada Goberno Paritario.
Navantia non pasa polo seu mellor momento, de feito acaba de perder o maior contrato de tódolos tempos, 25.000 millóns de euros para a construción de nove fragatas para a Armada Australiana o que significaba vinte anos de supervivencia da Empresa e de prosperidade para Ferrol. 
Neste momento ten por diante a probable contratación das novas Fragatas F-110 en Ferrol, seis corvetas para a Armada Saudí en Cádiz e en Cartagena o difícil reto dos submarinos S-80 que non acaban de despegar acumulando atrasos e duplicando o presuposto inicial.
Non creo que a nova Presidenta, sen ningunha experiencia no naval, sexa a máis indicada para aturar tan altas responsabilidades. 
Penso asemade que o Colexio e a Asociación de Enxeñeiros Navais de España debería emitir unha nota de protesta por este nomeamento que supón, ao meu xuízo, unha intromisión desleal nas súas funcións. 
Temos no noso país numerosos e excelentes enxeñeiros e enxeñeiras navais, capaces de endereitar o rumbo da Empresa, que boa falta lle fai.
A pesar de todo deséxolle a Susana Sarriá moitos éxitos na súa xestión. Que se note e que o desfrutemos todos.
Nota innecesaria pero urxente.- Que ninguén se equivoque, non escribo todo isto porque a nova Presidenta sexa unha muller.

Relevo en Navantia

Te puede interesar