Reflexións e realidade

Está cada día máis claro que a maldición do Coronavirus chegou para quedarse, moitos anos. Ata tal punto é grave a situación, que está a cambiar a nosa forma de vida para sempre. Non será doado afacerse á nova realidade. Custoume traballo asumilo pero moito me temo que a xente da miña idade, e aínda máis nova vivirá, xa para sempre, coa escravitude da mascarilla, ata a súa morte. A contemplación da multitude enmascarada prodúceme unha sensación mistura de medo, ansiedade e tristura. De calquera xeito hai que seguir na loita como ata de agora, sen desmaio, en ámbalas dúas frontes, a sanitaria como primeira prioridade e a económica, como principal derivada, que está a arruinar ao mundo enteiro.

Hai unha terceira fronte, non menos importante que é aturar, adiantándose, se é posible, ás consecuencias, ás secuelas, que está a deixar a pandemia no noso modus vivendi. Como de todo se debe sacar aprendizaxe, é esta unha boa ocasión para mellorar todo o mellorable, que é moito. Para elo sería bo que, en todo o mundo, tódolos gobernos organizaran comités, constituídos por homes xustos e sabios, que habelos hainos, co gallo de adoutrinar á xente de cara a un novo xeito de vida máis sinxela e amable. Levar á conciencia da humanidade, en tódolos países, as vantaxes que suporía unha concordia mundial, esquecendo diferencias de raza, de credo e de mentalidade, con unha meta común que é a convivencia pacifica. Deste xeito reduciríase o risco certo de que a pandemia poida desembocar nun conflito mundial, con consecuencias desastrosas fáciles de imaxinar. Pode estar en xogo a nosa supervivencia como especie.

Ben sei que a cousa non é doada pero, só con intentalo, xa teriamos moito camiño adiantado. Demostremos, desta volta, a nosa condición de Homo Sapiens, derrotando o Coronavirus todos unidos, ¡no hai outro xeito de conseguilo!. Fagámolo polos nosos descendentes e tamén, porque non dicilo, polos nosos devanceiros e aínda por dignidade persoal co convencemento de que un simple virus, por moita coroa que teña, non pode acabar con unha morea de séculos de civilización. 

Realidade si, non confundir con pesimismo e moito menos con derrotismo.

Reflexións e realidade

Te puede interesar