Raposos e xabaríns

Xa temos novo goberno, o que non foi sen tempo. Saíndo ao paso dos seus comentarios, teño que dicirlle ao Sr Manuxo, que tamén eu desexo que todo lles vaia ben, e prometo que así o recoñecerei, se chega o caso, nesta columna que me brinda o Diario de Ferrol. De momento, abonda de Sánchez, Iglesias, Casado e demais persoeiros da política nacional. Eles saberán o que fan, ...supoño.

Hoxe, dando un xiro copernicano ao tema dos meus últimos apuntes vouvos falar da problemática existente cos xabaríns e cos raposos. Ven isto a conto porque nantronte vin na TV un reportaxe adicado a os porcos bravos que, polo visto e ouvido, semella que están a proliferar por todo o país. No mesmo centro da capital de España, pasean de noite en grupos, co perigo que presentan para a xente e para a circulación rodada. O mesmo que está a pasar nas estradas onde provocan moi graves accidentes como se pode ver nas imaxes que nos presenta moi a miúdo a T V. No barrio de Caranza, onde resido, en fronte do meu castelo azul, téñense visto polas noites fozando e remexendo nos contedores de lixo. Estou a falar de exemplares entre 200 e 300 Kgs, acompañados ás veces da sua numerosa prole, que é cando se tornan máis perigosos. 

É urxente atopar unha solución a un problema cada vez máis candente. Para elo, é preciso facer, por quen corresponda, unha revisión da Lei de Caza. É moi importante asemade concienciar aos condutores do perigo que afrontan, sobre todo cando circulan de noite polas nosas estradas principais e secundarias. Insisto en que a cousa é tan necesaria como urxente. Aquí o deixo, que cada un asuma a súa responsabilidade.

O problema dos raposos é outro ben distinto. Non presentan os golpes, tamén chamados rabiscollos e pericos, os mesmos perigos que os xabaríns pero, aínda así sofren unha persecución desapiadada aprobada pola la Lei de Caza. Seica son abatidos unha media de 12.000 cada ano o que fai aumentar considerablemente a cantidade de toupas nos nosos prados. A min persoalmente paréceme un crime que uns homes, disque cazadores, provistos de rechamantes e infalibles escopetas teñan como deporte o asasinato, non se lle pode chamar doutro xeito, duns animais indefensos que, ¡galiña ou galo máis ou menos!, pouco mal fan na comunidade agrícola.

Tamén neste caso, por quen corresponda, é urxente buscar unha solución axeitada para que Don Pedro, outro nome do raposo en Galiza, non desapareza dos nosos montes, chousas, prados, camiños e corredoiras, que tal é o seu hábitat, día e noite, na procura de mantenza para os seus fillos. Este é, que eu saiba, o seu maior delito.

Raposos e xabaríns

Te puede interesar