O Blue Star

Domingo 24 de novembro, doce da noite, alerta amarela por temporal, o buque quimiqueiro Blue Star, con bandeira de Malta, despois de unha hora enteira á deriva e sen goberno, encallou nas rochas na ría de Ares onde permaneceu ao longo de 17 días, co recordo do Prestige, como a espada de Damocles, na mente de moitos.

Non é a miña intención atopar culpables pero si que sería bo coñecer as causas exactas do encallamento. A versión que se coñece é que foi debido a un fallo das máquinas o que, a meu modo de ver, non é moi convincente. Un barco nesta situación ten o recurso final, antes de acabar en terra, de fondear as áncoras, ¿por que non se fixo así?

Esperemos o informe final e non fagamos conxecturas. Os accidentes no mar sófrenos os que se dedican ao mar. Semella unha perogrullada pero é algo que hai que ter en conta á hora de emitir xuízos dende terra.

A boa nova é que o martes 10 de decembro despois de 17 días de traballos e dous intentos falidos, o equipo de salvamento conseguiu poñelo de novo a flote. Noraboa a tódolos excelentes profesionais que traballaron arreo para conseguilo. Que ledicia deberon sentir, sentémola todos, ao contemplar o Blue Star remolcado pola ría de Ares camiño de ser amarrado na seguranza do porto exterior de Ferrol. Penso que si hai unha película das operacións, debería ser proxectada nas escolas correspondentes para coñecemento xeral e como exemplo dun traballo ben feito.

Agora xa amarrado no peirao de Curuxeiras de Ferrol, compre facer unha inspección a fondo, non só da obra viva, no que se refire a estanquidade, senón tamén do sistema de propulsión, motores, hélices, liña de eixes, timón ...etc. Unha vez recoñecido o barco enteiro e ben definidas as obras a realizar, aquí temos, para levalas a cabo, un dos mellores estaleiros do mundo. Rematadas as reparacións e superadas as correspondentes probas no peirao e na mar, o barco sairá do estaleiro noviño de todo, coa auréola, documentada no seu Caderno de Bitácora, de seguir navegando despois de haber permanecido varado nas rochas, nun recuncho da fermosa ría de Ares, durante 17 días.

Despois de todo o traballo que custou o seu des-encallamento, non sería unha boa noticia que o destinaran ao desmantelamento para chatarra, anque neste caso non queda outra que conformarse porque aquí, quen goberna, como case sempre, é Don Diñeiro e ante os cartiños, non teñen cabida os sentimentos.

¡Ferrol demostra, unha vez máis, que é Capitán de Capitanes!

O Blue Star

Te puede interesar