No volveremos más

o volveremos más a esa isla serena, no volveremos más a esa isla de amor, no volveremos más ya no vale la pena...”
Son as primeiras estrofas dunha vella canción (Capri c’est fini) de Hervé Vilard que estivo de moda hai moitos anos. Hoxe dei en recordala porque me trae á memoria outros tempos máis ledos.
Moito teño camiñado polo meu Capri particular, que eran as terras e os ríos dos que tanto vos teño falado aquí. É ben certo que todo se acaba e que calquera tempo pasado foi mellor. Hoxe adoezo cos anos e coas eivas correspondentes. Penso que estou preto de atopar o misterio agochado máis alá dos ríos, das fontes e dos camiños. Só me quedan os recordos
Como esquecer o Mandeo, o Cambás, os Sete Muíños e tantos outros. Como non botar de menos as camiñadas polas súas beiras, as troitas de mil cores, as merendas á beira do río, bocadillo de atún (Palacio de Oriente) e botella de viño. Todo isto rematou hai tempo, de aí o título deste apunte tan morriñento. Gardo, coma un tesouro, non podía ser doutro xeito, fermosas fotografías daqueles días de viño e rousas. Velaquí tedes unha escolma:
-A carballeira de Xoacín co seu carballo torto
-O Pozo do Castro Rodicio, no río Cambás. Seguro que aínda garda, no máis fondo o seu segredo,    o esqueleto dun afogado do ano 36.
-A Fonte Santa preto de Ponte Aranga. Seica “reetificada” no ano 1775.
-O Cruceiro da Loba, no máis alto da serra do mesmo nome.
-As capelas da Asunción e do San Vitorio con preto de trescentos anos ás costas.
-Muíños cangados de anos, cunhas moas e rodicios que hoxe xa non moen nada.
-As neves da invernía nos cumios dos montes.
-As cóbregas,( Natrix natrix), cazadoras de troitas do meu río.
A Cova da Serpe a oitocentos metros de altitude, segue vendo pasar os séculos. Alí vin por primeira vez o lobo. Aquel estaba morto, tirado enriba dunhas penas. Non creo que a día de hoxe queden lobos por aquelas terras. As batidas dos homes acabaron con eles.
De calquera xeito, estou matinando en fuxir un día ata Ponte Senande, que foi outrora como a Meca das nosas excursións, máis teño as miñas dúbidas, ¿pagará a pena?. Como os tempos, e mesmo as persoas, cambian que é unha barbaridade, teño medo de levar unha decepción e non ser quen de atopar eu só o camiño. ¿Existirá aínda a ponte ou unicamente é froito dos meus desvaríos?.
Nunca máis é moito tempo e a min este xa non me sobra, como gusto dicir, ¡estes meus, xa non son tempos!. Eu xa estou rematando a prorroga dun partido que comezou hai unha morea de anos, tantos que ata dá xenreira dicilos.
Remato pedindo desculpas por este apunte froito da nostalxia, da soidade e da tristura.
Os camiños, os matos montesíos/ os garridos ensoños, os lindeiros/ os cantos saudosos, os resíos/ os cómaros, os pinos, os regueiros/ as promesas, os trunfos, os desvíos/ as doces esperanzas, os sendeiros/ Todo me dá saudades e triganzas/ todo me trae punxentes memoranzas (Eduardo Pondal)

No volveremos más

Te puede interesar