Navantia e Ferrol baixo mínimos

recentemente perdeuse o contrato do século con Australia, o que significaba: 25.000 millóns de euros de negocio, vida para Navantia, traballo para 20 anos, e prestixio para os nosos estaleiros. España estaba entón moi ben situada con oficinas no país, onde se ian a construír as nove fragatas, abundante experiencia de traballo e boas relacións entre ambas Armadas. Ao meu xuízo perdeuse o contrato por dúas razóns principais, falta de apoio dos políticos, metidos á sazón en guerras internas de sácate ti para poñerme eu, e a situación política xeral co problema do chamado procés catalán. Faltou asemade a presenza do rei e do goberno enteiro en Australia, se preciso for, a bordo dunha F-100, disque a mellor fragata do mundo, fondeada na baía de Sidney. O choio ben merecía semellante esforzo.
Consolámonos en parte coa firma dun novo contrato para construír en San Fernando cinco corvetas para a Armada Saudí. En Ferrol aínda estamos a espera, como auga de maio, do visto e prace do contrato para a construción das cinco fragatas F-110 de nova xeración.
Neste intre por mor da cancelación por parte do goberno de Pedro Sánchez dun acordo para a venda de 400 bombas de precisión Laser a Arabia Saudí, corre perigo, como represalia, a obra das cinco corvetas. Preto de dous mil millóns de euros poden ir ao caldeiro, perda esta que afectaría a toda a empresa e por ende a Ferrol que tería que repartir as F-110 co estaleiro gaditano, segundo adianta a nova presidenta. Por certo, e dígoo sen acritude, aquí ten, en vez de repartir as migallas a priori, unha boa ocasión de demostrar a súa capacidade de xestión.
Por outra parte e dada a situación política actual, un goberno precario, o problema catalán, (¿están tolos estes cataláns?) e a tradicional falta de interese pola industria naval e pola Armada fai dubidar da firma do contrato das F-110 que xa está a tardar.
Ante este estado de cousas, ¿que vai ser do plan estratéxico que quere desenrolar Navantia para sanear contas implantando o chamado estaleiro 4.0?
Namentres Ferrol languidece, esmorece, un pouco máis cada día. Nótase ben na rúa e na xente. Acabaremos tendo unha cidade fantasma, poboada por xubilados rengueando por unhas tristes rúas, tan cheas de vida e de colorido noutros tempos máis felices. Bótase en falta xente nova e preparada que, habela haina, que en vez de emigrar, aposte por Ferrol.                 

Navantia e Ferrol baixo mínimos

Te puede interesar