Navantia 2018

Semella inminente a contratación pola Armada española das novas fragatas F-110, relevo natural da clase Santa María, o que dará traballo aos nosos estaleiros e vida a Ferrol durante máis de dez anos. Despois do éxito indubidable das F-100, como continuación lóxica, chegan estas unidades de nova xeración que nun próximo futuro pasearán o nome da empresa, da Armada e de Ferrol por tódolos mares do mundo. A orden de execución só está pendente da aprobación dos presupostos xerais do estado. Con toda seguridade despois da súa construción, xurdirán novos pedidos para a exportación. De feito xa hai países interesados como Australia, Noruega e mesmo os EEUU.
Eu que traballei durante anos na antiga Bazán podo dicir, xa o dicía entón, que temos en Ferrol un dos estaleiros máis sobranceiros do mundo. Toda esta realidade que é hoxe Navantia, empezou a xestarse nos afastados anos setenta do século pasado coa construción das cinco fragatas DEG, os últimos barcos a vapor, que significaron naquel tempo o principio da modernización dos estaleiros e da Armada. Tiven o honor de traballar nelas dende a súa posta de quilla ata a súa entrega. Por riba fixen de garantía da empresa a bordo en todas elas. Como non recordar aqueles tempos, aqueles traballos que levaron a unha empresa en crise á realidade actual?. Pero sobre todo é de xustiza e para min unha satisfacción recordar a uns homes, excelentes profesionais, cos que traballei dia a dia, os mesmos que se converteron ademais en amigos para sempre. Eu xunto con dous compañeiros, procediamos da Armada o que en principio non foi moi ben acollido polos traballadores, (chegaron a dicir, cousas de aqueles tempos da ditadura, que eramos espías de Franco), sentimento este que pronto se trocou nun total entendemento e colaboración mutua. Mérito deles e, porque non dicilo, noso tamén. Non vou a nomear a ninguén, moitos xa desaparecidos, todos están no meu pensamento e no meu corazón. Seus herdeiros de hoxe teñen diante un gran reto que estou seguro superarán co éxito que eu lles desexo polo ben da empresa, da Armada, de Ferrol, e por riba do país enteiro.
Non podo rematar estas letras sen recoñecer a magnifica labor das empresas auxiliares que coa súa calada colaboración tanto contribúen á boa execución dos traballos. Meus parabéns á dirección, enxeñeiros, técnicos, mandos intermedios e operarios de Navantia 2018.

Navantia 2018

Te puede interesar