Muñeira?

chamoume a atención a palabrexa escoitada nun concurso moi de moda da TV. Seica é a tradución ao castelán de muiñeira, fermosa verba galega esta que, ademais de significar muller do muiñeiro, da nome a un baile popular. Aí temos a fermosa Muiñeira de Chantada, unha moi inspirada peza que para min é como unha das meirandes manifestacións da galeguidade, co permiso do noso himno oficial.
De feito muñeira está no dicionario da RAE como derivada de muiñeira e co seu mesmo significado. Eu non son lingüista nin nada parecido, pero non estou de acordo con semellante acepción. Non creo que chamarlle Muñeira (sin o i) de Chantada sexa unha tradución afortunada, máis ben paréceme unha arroutada, máis propia de xente que non quer falar galego por consideralo aldeán e fano en castrapo. ¡Co sinxelo que sería respectar o título orixinal en galego ou adoitar molinera que é a verdadeira tradución ao castelán!.
Non quero nin pensar que xeito de tradución terían tantas e tan fermosas verbas nosas. Por poñer un exemplo, ¿como chamarlle en castelán á saudade?, conservando todo o que evoca esta bela palabra. E xunto con ela Brétema, Beiramar, Agarimo, Arroutada, Enxebre, Ledicia, Luscofusco, Morriña, Orballo, Escornabois, Vacaloura, Espantallo, Escarallar, Remoer, Madía Leva, e tantas outras utilizadas acotío na nosa fala. Todas elas teñen un significado, sen equivalente directo en castelán, froito do xeito de ser de nós, os galegos. 
A Muiñeira de Chantada é para o meu sentir como o segundo himno de Galicia, mágoa que non teña unha letra coñecida, como a escrita polo insigne poeta Eduardo Pondal dentro da súa obra Queixumes dos pinos e musicada xunto con Pascual Veiga, no ano 1886.
A nosa muiñeira de hoxe, hai centos delas, foi composta no ano 1865 polos irmáns Manuel e Antonio Fernández, estreada na parroquia de Veiga (Chantada) e popularizada polos irmáns Cachafeiro, coñecidos polos Gaiteiros de Soutelo, en 1928. Eu ouvina por primeira vez, sendo un neno, no campo da feira de Guitiriz, nas festas de San Xoan. Foi tal a ledicia que sentín que, a pesares dos anos transcorridos, non a esquecín nunca. Entre outras cousas, lembranzas aparte, faime evocar a saudade, ese agridoce e profundo sentimento tan noso e para o meu modo de ver, pola súa eufonía e polo seu significado, a verba máis fermosa da nosa fala. Insisto, non me gusta iso de muñeira, paréceme fóra de lugar, un erro e unha falta de respecto á nosa fala. Por riba tan descafeinado vocábulo tampouco ten moita gracia, fáltalle a enxebreza que lle sobra ao seu orixinal.

Muñeira?

Te puede interesar