Moción de censura

Asistín co maior interese, como fago sempre, as maratonianas sesións de control ao Goberno celebradas estes días. Moito desfruto co navalleo co que os chamados pais da patria se acusan, uns a outros, do mal goberno dos de aquí e do “ti máis” dos de acolá. Vaia por diante que eu non son un político, nin de esquerdas nin de dereitas o que, á vista dos feitos duns e doutros, e doado de entender. É por elo polo que non me vou a situar a prol de ningún dos bandos, limitándome a dar a miña opinión persoal sobre o verdadeiro leitmotiv desta moción de censura.
Cando o Sr Iglesias empezou a falar da convocatoria, os seareiros do PP non daban creto a semellante ousadía. De feito, a cousa estaba condenada ao fracaso, sabíase dende antes de comenzar que non ia prosperar, dixera o que dixera o candidato. Ben sabía o Sr Iglesias que a súa proposta non ia a triunfar desta volta porque se trataba nin máis nin menos que de unha estrataxema, dun ensaio previo a unha segunda oportunidade na que xa non estará só e que, de seguir así as cousas, non tardarán en presentar as esquerdas unidas, con outras probabilidades de éxito. Non hai máis que lembrar a aperta de mans que intercambiaron diante das cámaras o xefe de Podemos e o portavoz do PSOE. Toda unha declaración de intencións.
O Sr Rajoy, o Goberno e o PP, todos eles, deberán tomar boa nota das cousas que dixeron os portavoces da oposición, profundar na mensaxe recibida e, en vez de matar ao mensaxeiro, tratar de emendar e de poñer remedio a tódalas acusacións de corrupción, de mal goberno e aínda de prepotencia. A cousa non é doada polo que Don Mariano debería, ao meu xuízo, nomear unha comisión permanente que se encargue, durante todo o tempo que lle resta de mandato, de vixiar de preto unha situación que poderiamos chamar endémica e que tanto mal está a facer nunha dereita que perde credibilidade a marchas forzadas, se é que algunha lle queda 
Resumindo, o Sr Iglesias, que non da puntada sen fío, tivo que aturar carros e carretas, pero o resultado final foi que si prosperou o seu obxectivo de facer un ensaio xeral provocando un acercamento das esquerdas e, baixo este punto de vista, foi o gañador virtual. 
O Sr Rajoy, o Goberno e o PP, foron os gañadores reais, pero como xa dixen máis arriba, deberán estar moi atentos ao devir da situación política nestes próximos meses, que non é ouro todo o que reluce nin todo o monte é ourego, e os sufridos cidadáns haberán tomado, con toda seguridade, boa conta do que se dixo, .....e tamén do que non se dixo. 
Para rematar aquí lles recordo, a tódolos políticos, a famosa catilinaria :
¿”Quousque tandem abutere patientia nostra”?

Moción de censura

Te puede interesar