Mercar un can

Moito se fala nestes tempos de machismo, como se da en chamar aos abusos dos homes contra as mulleres. Ninguén fala do viceversa, anque abofé que este tamén existe, e non sei eu se en maior medida. A cousa é que a muller, máis lista, faino dun xeito máis sutil e con outras armas, ata o punto de que hai homes asoballados que non o saben, e viven tan felices coa súa situación.

Sexa por celos ou por un afán de posesión desmedida, na maioría dos casos, hai mulleres que tratan de mangonear, está na súa natureza, á súa parella cun resultado final que, ao cabo dos anos, as leva a desprezala cando xa a teñen ben dominada. Para este tipo de mulleres, todas son prohibicións para o home, dende non poder entrar sen ela nun bar ou cafetería, ata non deixalo falar con outra muller. Semella que o seu home é exclusivamente da súa propiedade, o que da lugar a desacordos que, en moitos casos, acaban na separación, cando non ten consecuencias máis graves, estámolo a ver acotío. Tamén aquí se da o viceversa que neste caso se chama machismo.

O gran humorista que foi Alfonso Daniel Rodriguez Castelao (1886-1950)(1) na súa colección de debuxos que leva por título“ Cincoenta homes por dez reas”, fala dun home que mercou un can para ter en quen mandar (Sic). Recoméndolle isto mesmo, mercar un can, como remedio, ás mulleres con ansias desmedidas de dominio, das que estou a falar. Mercalo, ou mesmo recibilo como un agasallo da súa parella, podería ser unha boa solución en evitación de males maiores.

De calquera xeito, moito coidado, non vaia ser que, despois da tratar ao seu home como se fora un can, traten logo ao seu can como se fora un home. Sería moi inxusto e, por demais perigoso, por dicilo dalgún xeito.

Teño que aclarar para rematar, que non me dirixo a ninguén en particular. Trato de falar en xeral e sobre todo en clave de humor, dun problema real que, de feito, ten como consecuencia o fracaso de moitas relacións. Non se me alporicen, nunca é miña intención amolar.

(1) Narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego. Ademais estudou medicina pero el mesmo confesaba: “Fíxenme médico por amor ao meu pai, non exerzo a profesión por amor a humanidade”. Morreu no exilio e foi soterrado no cemiterio da Chacarita en Bos Aires. Os seus restos mortais foron repatriados e levados para o Panteón de Galegos Ilustres en San Domingo de Bonaval o 28 de xuño de 1984.

Mercar un can

Te puede interesar