Lerias novas

óndame na cabeza o proxecto de publicar un novo libro que recolla tódolos meus apuntes do Diario de Ferrol, dende o ano 2011, por riba dos douscentos. De feito xa hai tempo que o teño no ordenador máis ou menos configurado. 
Seu título é Lerias Novas, dando continuidade ás primeiras Lerias publicadas no ano 2010. Por certo aínda queda algún exemplar sen vender na Central Libreira da rúa Dolores de Ferrol así que a ver se os animades.
Do que xa non quedan exemplares é do meu primeiro libro titulado Arredor do meu río, (Un homenaxe a un río froito do amor e da nostalxia *) que, porque non dicilo aquí, tivo moito éxito no ano da súa publicación pola editorial Ir Indo de Vigo e patrocinado pola xunta de Galicia. Como seu título indica, nel falo dos ríos das fontes e dos camiños (Un agradable paseo arredor dunha pequena paisaxe *).
Estas novas Lerias, é máis do mesmo, un caixón de xastre como dicía entón, con temas variados, máis ou menos de actualidade nas datas indicadas ao mesmo tempo que o título. Máis de douscentos capítulos como digo, ao meu xuízo ben doados de ler nun galego sinxelo, de andar por casa, aprendido na nenez, con verbas e xiros idiomáticos moi propios das terras de Guitiriz. Arredor do meu río foi ilustrado por González Collado con vinte e seis fermosos debuxos, un por cada capitulo. Lerias polo meu amigo e compañeiro Miguel Fernández, o Ianqui. Ámbolos dous de moi grato recordo, xa falecidos, polo que estas Lerias novas están orfas de ilustracións, só dúas fermosas fotografías, que compoñen a portada e a contraportada. 
Este apunte trata de ser unha chamada a amigos e compañeiros amantes da lectura, para que se animen e merquen un exemplar. Non se trata de acadar cartos, nin estou a pedir unha esmola, só aspiro, chegado o caso, a recuperar a inversión, que a vida está moi achuchada. Xa veremos se o que aínda é un proxecto, chega a bo fin. Tereivos informados, da súa publicación e da súa presentación.
Saíndo ao paso do lido na sección de opinión deste xornal, o domingo 16, teño que dicirlle ao seu autor que o seu comentario e duro de máis e mesmo semella estar dirixido contra alguén. Escribir (Un xogo ledo e divertido), pra min é ademais un antídoto contra o estrés, a soidade e a saudade. Ver publicado o que escribes, xa sexa no xornal ou recollido nun libro é sempre un honor e unha ledicia. Acadar o premio Nobel, só está ao alcance duns poucos privilexiados e aínda así habería moito que falar.

* As frases en cursiva entre paréntese, escribiunas Luis Tosar na presentación que fixo na primeira páxina do “Arredor do meu río”.

Lerias novas

Te puede interesar