Lei e diálogo

Cataluña foi sempre a rexión de España máis favorecida polo goberno central. A pesar diso o problema catalán, existiu sempre. Dende a instauración da democracia no noso país, ningún goberno, nin de dereitas nin de esquerdas, tratou de solucionar o que agora é unha desfeita e mesmo unha vergonza nacional. Sempre foi un tema tabú que non conviña tocar. Os problemas se solucionaban concedéndolles cada vez máis privilexios aos cataláns ata que chegou, como non podía ser doutro xeito, esta teima da independencia.

A de hoxe, xoves 17 será sen dubida a cuarta noite consecutiva de violencia salvaxe, o que deron en chamar Tsunami Democrático a prol dos condenados no xuízo do chamado “procés”.

Culpables, tódolos políticos, partidos e persoeiros sen excepción, co gallo do electoralismo e dos votos ante as vindeiras eleccións do dez de novembro.

Vítimas, todo o pobo, españois e cataláns, as forzas de seguridade do estado, os Mozos d’Escuadra, a Policía Nacional e a Garda Civil que teñen que aturar a violencia salvaxe cunha gran precariedade de medios, en moitos casos, para se defender do lanzamento das tapas dos sumidoiros, lastros, ácidos... etc con grave risco da súa integridade física. Por suposto tamén a economía, ¿cantos millóns se levan perdidos co “procés”? Á vista das manifestacións diarias, folgas e demais algaradas, un non pode menos que preguntarse, ¿quen traballa en Cataluña?. ¿Cantas empresas abandonaron a comunidade nestes últimos anos?.

Oíndo falar aos políticos de aquí e de acolá, a xente ten que darse conta que estes son os culpables da situación de emerxencia en que nos atopamos, non pensando noutra cousa que non sexa restarlle votos a oposición. ¿Como pode o PP acusar ao PSOE de titubear á hora de tomar decisións, si eles fixeron o mesmo cando estaban no Goberno.

A corto prazo, non lle vexo o final á situación. A pesares de que o Estado de Dereito dispón de medios dabondo para abordala, como son a Lei de Seguridade Nacional, o Estado de Excepción e o Artigo 155, se non os aplican é porque cunhas eleccións xerais á vista, non lles convén. Os mesmos que hoxe acusan ao goberno en funcións de falta de decisión, acusárano cando chegue o derramamento de sangue que, de seguir así as cousas, é un risco tan evidente como inminente.

Alguén dixo algo moi sensato: “Primeiro a Lei e despois o Diálogo”, por este orde. É unha boa solución pero, ¿quen lle pon o axóuxere ao gato?

Lei e diálogo

Te puede interesar