I loose my baby

Nihilismo: Doutrina segundo a cal nada é absoluto e que nega a existencia de toda crenza,     principio, xerarquía de valores e verdade moral, por consideralas sen base real e obxectiva.

-Ateísmo: Actitude ou doutrina do ateo. Ateo é o que nega a existencia de Deus.

-Agnosticismo: Doutrina que considera que o entendemento humano non pode coñecer     aquilo que está máis aló da experiencia por non ter unha realidade obxectiva que se poida verificar, particularmente a existencia de Deus.

-Politeísmo: Crenza na existencia de moitos deuses. A primeira relixión dos seres humanos.

-Monoteísmo: Un só Deus, Ser supremo e eterno, creador do mundo e dotado de perfección absoluta segundo as relixións monoteístas.

-Cristianismo: Un Deus eterno, omnipotente, perfecto e infinitamente bo e xusto.

Ata aquí algunhas das moitas crenzas que pode adoptar o ser humano ante a escuridade e o medo co que se enfronta dende o seu nacemento.

Estamos a vivir un tempo en que á hora de escoller unha destas opcións, a pura lóxica nos di que a última delas sería a menos elixida. Non é compatible a existencia do Coronavirus, por poñer un exemplo de actualidade, coa dun ser infinitamente bo e xusto que, a pesares da súa omnipotencia permita a existencia do mal no mundo dos homes.

Nada máis lonxe da miña intención que ser irreverente. Escribo isto sen acritude, dende o sentido común, co pensamento posto no respecto que me merece moita xente, achegados e familiares, con crenzas moi arraigadas.

O que me fai manifestarme hoxe deste xeito, é unha frase ouvida na TV na que unha rapaza nova chora desconsoladamente pola desaparición nun naufraxio no mar Mediterráneo do seu fillo de seis meses: I loose my baby (Sic), (perdín ao meu bebé). Abofé que me impresionaron os desgarrados berros, a desesperación e a impotencia desta nai ante un feito tan cruel como dificil de aturar. Non sei cales son as súas crenzas pero non creo que ningunha das aquí relacionadas lle poida servir de moito consolo.

Este é só un exemplo do que está a acontecer nun mundo desapiadado onde a morte, a enfermidade, os crimes, as guerras, a fame e demais miserias, asolan a humanidade dende o principio dos tempos. O Coronavirus é unha boa proba delo.

Nihilistas e ateos negan a machamartillo a existencia dun ser superior. Os agnósticos, máis moderados, respectan aos que non pensan como eles. Politeístas, aínda presentes na nosa civilización, produto do medo ancestral ás forzas da natureza.

Non son quen de negar a existencia dun só Deus, omnipotente, perfecto e infinitamente bo e xusto, pero si de dicir que os seus designios e a súa aparente indiferenza ante o devir da humanidade, non son doados de entender nin de aturar.

I loose my baby

Te puede interesar