Franco rides again

Para coñecemento dos máis novos que non saben quen foi Franco, inclúo aquí esta breve e descafeinada biografía: Xeneral do exercito, oriúndo de Ferrol onde naceu no ano 1892. Distinguiuse e fixo a súa carreira nas moi cruentas guerras de África nos primeiros anos do século XX. 
Xa nomeado xeneral, o que logo sería xeneralisimo e aínda caudillo invicto, xunto con outros ditirambos tan exaxerados como interesados, desencadeou e capitaneou no ano 1936 unha sanguenta guerra civil que enfrontou a irmás contra irmás. 
Despois de gañar á que el e os seus deron en chamar cruzada, eríxese en ditador e goberna, mangonea, o país con man de ferro, durante 36 anos, ata a súa morte no ano 1975. 
Todo o que aconteceu durante este longo período está nos libros e aínda na memoria de moitos anque o mellor que se pode facer é esquecelo para sempre.
Agora, 43 anos despois da súa morte na cama, deron os de aquí e os de acolá en resucitalo co gallo da exhumación e traslado dos seus restos fora do mausoleo que el mesmo se erixiu no chamado Valle de los Caídos. 
Exhumar é, segundo o Xerais da Lingua, desenterrar, sacar un cadáver da sepultura. Está ben claro que alí non hai ningún cadáver, so osos e refugo: “Memento homo quia pulvis es et pulveren reverteris”. Aínda así, semella que despois de tantos anos, ás súas cinzas van ser capaces de enfrontar de novo aos españois. Xa vai sendo tempo de esquecer, os de aquí e os de acolá, e deixar de aproveitarse da figura do ditador, uns e outros.
    Carmen Polo Martinez Valdés, a señora de Meirás, foi a dona de Franco durante 52 anos. En algúns círculos era coñecida de xeito despectivo como La Collares pola súa afección aos regalos e ás xoias, especialmente colares. Morreu en 1988 aos 87 anos e está soterrada no cemiterio Mingorrubio, no poboado de El Pardo. 
Eu que non son de aquí, nin de alá nin de acolá, non teño interese ningún no asunto da exhumación, pero penso que a solución máis lóxica para contentar a uns e a outros, evitando asemade que Franco cabalgue de novo, é soterralo a carón da súa muller e doutros persoeiros do seu réxime, que ali xacen, repousando, para sempre. Cumpriríase así un vello aforismo galego que reza, “Xente con xente”, e non o digo soamente en sentido pexorativo.
    Deste xeito acabaríase esta inútil e esperpéntica polémica. O país e os políticos teñen problemas máis importantes que resolver, ¡que non está o alcacén pra gaitas!

Franco rides again

Te puede interesar