Finisterre

Las cosas son como se recuerdan. Son verbas de Don Ramón del Valle-Inclán, o xenio das grandes barbas de chibo. Escritor galego en castelán anque moitos dos seus marabillosos relatos teñen o selo das terras do Salnés. Mágoa que non escribira tamén na nosa fermosa lingua.

A memoria, por riba, é caprichosa e teimuda. Nestas longas noites de insomnio que estou a vivir todo se me volve en recordos de tempos mellores, cando a xuventude o aturaba todo. Bos recordos, os malos, si os houbo, xa os teño esquecidos hai moito tempo. Esta noite dei en recordar a este Finisterre que é como lle chamaban os seus compañeiros, entre os que era moi popular pola súa bonhomía, simpatía e bo carácter, a bordo daquel barco a finais dos anos 70. El facendo a mili e eu destinado nel como Xefe de Máquinas. Como bo fisterrán, era pescador e de pesca precisamente vai este apunte.

-¡Finisterre arranxa os aparellos que esta noite imos pillar unhas nécoras!

-¡No me joda mi capitán(sic), déixeme durmir que levo todo o día traballando!.

-¡Déixate de lerias e coida ben da batería, non nos vaia pasar como a última vez!. ¡Xa durmirás mañá!.

A pesares das protestas, eu sabía que viña canda min de moi boa gaña. Os aparellos consistían nun chinchorro que el, como bo mariñeiro, manexaba á perfección, un trueiro cun pau ben longo e unha batería para alimentar unha potente lámpada co gallo de alumear o cantil somerxido do peirao onde había por entón abastanza de nécoras, bois, camaróns, xibas e algún que outro polbo. El gobernaba o bote como digo e eu coa lámpada e o trueiro encargábame da pesca que non se daba mal naqueles tempos. 
Sobor das dúas da mañá, xa co caldeiro cheo, dabamos por rematada a faena.
-¡Amarra ben o chinchorro e fai ben as partillas, o resto do material xa se arranxará mañá. ¡E vaite deitar decontado!

Cando desembarquei por cambio de destino, ao despedirme del dinlle as gracias con unha aperta e el con bágoas nos ollos díxome sorrindo: 

-¡Moito sono me ten roubado meu capitán co demo das nécoras! 

Agora tantos anos despois, penso que haberá sido daquel rapaz bo, leal e traballador. ¿Acordarase el daqueles tempos como me acordo eu? Anque non creo que chegues a ler este apunte, froito da nostalxia, aquí te deixo Finisterre unha derradeira aperta co meu agradecemento ao mesmo tempo que che pido perdón, tantos anos despois, polas horas de sono roubadas.

¡Estes son recordos que van e veñen polo meu maxín que non para de remoer. Xa o dicía o poeta, ¡Calquera tempo pasado foi mellor!, ou como gusto de dicir eu, ¡aqueles si que eran tempos!.

Finisterre

Te puede interesar