Feo, Católico e sentimental

 por riba un xenio das letras hispanas, do que temos que estar moi orgullosos nós os galegos, a pesar dos pesares. Mágoa que toda a súa produción, Narrativa, Teatro e Poesía non fora escrita na nosa fala. En calquera caso, o galego, a galeguidade, está presente sempre, dalgún xeito, na temática da súa inxente obra.
Estou a falar de Don Ramón María del Valle-Inclán. O gran Don Ramón das grandes barbas de chibo como o saudaba o seu amigo Rubén Darío. 
Personaxe controvertido onde os haxa, inconformista, bohemio, altivo, dandi, extravagante, soberbio, excéntrico e histriónico, pero sempre xenial, no bo e no malo, nas luces e nas sombras que tamén as houbo. Precisamente debido ao seu xeito de ser, durante a súa axitada vida pasou polo cárcere a miúdo. Nembargantes, como reza o título deste apunte era, o mesmo que o seu alter ego o Marqués de Bradomín, Feo, Católico e Sentimental.
Lin hai máis de corenta anos a maior parte da súa extensa obra, naqueles libros da Colección Austral que aínda andan pola casa, cheos de notas e comentarios. Non vou falar deles, soamente dicir que máis de cen títulos fan deste home, ao meu xuízo, o máis prolífico escritor galego, e aínda español, do seu tempo. No teatro, menos empresario, fixo de todo, autor, actor, director artístico e de escena, adaptador, tradutor e ata figurinista. 
Como nota negativa hai que dicir que, sorprendentemente, non ocultaba a súa xenreira polos galegos e pola nosa fala á que cualificaba de dialecto. Dicía dos galegos que se dividían en dúas partes,” una inteligente y superior que soy yo... y otra todos los demás”. Non se sabe si unha boutade ou un exabrupto momentáneo para epatar. A pesares delo, pasou longas temporadas da súa vida na nosa terra, para fuxir e descansar do trafego madrileño.
Fonte inesgotable de anécdotas, unhas reais e outras apócrifas, inventadas por el mesmo. Non me resisto, para rematar, a contarvos esta, que pola súa orixinalidade non ten lixo. Transcríboa en Castelán pois xa se dixo aquí que Don Ramón non falaba galego.
Ante unhas ofensivas verbas de Unamuno sobre Rubén Darío, replícalle así en defensa do seu entrañable amigo:
“Rubén tiene todos los defectos de la carne, es glotón, bebedor, mujeriego y holgazán, pero posee todas las virtudes del espíritu, es bueno, generoso, sencillo, altruista y humilde.
Usted Don Miguel, tiene todas las virtudes de la carne, es frugal, abstemio, casto e infatigable pero tiene todos los vicios del espíritu, es soberbio, ególatra y rencoroso. Cuando Rubén se muera y se le pudra la carne, le quedará el espíritu y se salvará, pero a Vd cuando se muera y se le pudra la carne, le quedará el espíritu y se condenará.”
O noso insigne polígrafo nace en Vilanova de Arousa (1866) e morre en Santiago de Compostela (1936). Está soterrado no cemiterio de La Boisaca da capital de Galiza. Galego universal de feito e por dereito.

Feo, Católico e sentimental

Te puede interesar