Están tolos tódolos cataláns?

Que gañaron Cataluña e os cataláns dende que o Puigdemont pariu esa andrómena que chaman o procés?. Dito doutro xeito, dende que este personaxe, hoxe fuxido da xustiza, deu un golpe de estado, traizoeiro como todos, deixando aquí as súas comparsas que seguen erre que erre coa teima da independencia.
Cantos cartos se levan perdidos dende entón?. Cantos postos de traballo?. Seica máis de catro mil empresas fuxiron de Cataluña para non volver. Cantos anos son precisos para recuperar a economía dunha rexión, tradicionalmente boiante antes da traxedia, que algúns chaman política, económica e social?. Canto tempo é necesario para recuperar o nivel de vida e de benestar nesta outrora envexable autonomía?. Saben vostedes que hai países que advirten aos seu cidadáns do risco que leva consigo viaxar a Cataluña?
Agora aí temos estoutros iluminados desafiando ao goberno co asunto dos presos políticos. Un goberno cativo duns socios que axudaron a nomealo. Un goberno que fai auga por onde se mire, en crise permanente, ¡y lo que te rondaré morena!, mentres os fanáticos da independencia aproveitan a Diada para queimar retratos do xefe do estado, pasándose a Constitución polo forro.
Ao señor Sánchez médranlle os ananos, como non podía ser doutro xeito: O asunto das bombas e das corvetas para Arabia Saudi, sen esquecer o AVE á Meca o metro de Riad e os cartos e comisións adiantados. A Bolsa que non para de baixar e o paro que non fai máis que medrar. Os master falsos ou copiados levan xa tres dimisións de ministras e outras dúas en potencia por estar baixo sospeita, o señor Casado novo presidente do PP e ata o mesmo presidente do executivo que coa súa hipotética dimisión deixaría o goberno do país en bragas, (exactamente dezasete). Sr Sánchez, cos amigos que ten, non precisa vostede ter inimigos.
Menos mal que gañamos a Inglaterra, e goleamos a Ucrania. E todos tan ledos que aquí non pasa nada, a vivir que son dous días e o que veña atrás que arree.
¡Eleccións xerais xa!
Aproveitando o apunte, doulle as gracias a Sindo polas súas verbas e a Abeledo pola súa comprensión. Para detractores e detractoras que, anque incógnitos, semella que os teño, aí van estes ripios, sempre sen acritude:
Eu ben vin estar o moucho enriba do tellado
Non che teño medo moucho
moucho non che teño medo

Están tolos tódolos cataláns?

Te puede interesar