Esmorece (*) agosto

E con el as vacacións. Madrileños e demais veraneantes retornan aos seus eidos, ¡que Deus os vexa ir! Acabouse a boa vida, hai que volver, cadaquén á súa rutina, ao tráfico, ao asfalto, á contaminación e ás aglomeracións. Os corruptos ás súas corrupcións e os traballadores aos seus traballos e pluri-empregos. Os estudantes a estudar e a educarse que a educación, cada vez máis, é o meirande problema do noso país. Ao meu xuízo pouco ten de envexable o xeito de vida desta xente na capital, por moito que alardeen cando veñen de vacacións ás provincias.
Que nos ten reservado este novo curso? Que novas sorpresas e sobresaltos neste mundo que nos toca vivir? Que novas falcatruadas nos teñen preparadas os políticos, os de aquí e os de acolá? Que vai pasar con Cataluña e cos cataláns? Que dicir da Monarquía tan desvalorizada nestes últimos tempos? Que novas corrupcións e cantos novos corruptos van saír do armario? En que vai quedar a exhumación dos restos do ditador? A ver se despois de levala a cabo chega por fin o esquecemento in aeternum que é, despois de máis de corenta anos, o mellor que nos pode pasar a uns e a outros.
Din que xa se acabou a crise no país, entón porque hai cada dia máis xente a pedir nas portas de igrexas e supermercados? Porque abondan cada vez máis roubos e atracos a man armada? Porque seguemos mantendo un dos maiores índices de paro de Europa? Porque non cesa dunha vez o maltrato de xénero, homes e mulleres e viceversa asoballados cando non asasinados polas súas parellas?
Falando de corrupción e de corruptos, que está a pasar co fútbol neste país? Como é posible que con unha situación económica como a que temos, se contraten os futbolistas máis caros do mundo? Quen se beneficia destas fichaxes supra millonarias ademais dos propios xogadores?. Seica o goberno, non ten nada que dicir sobre semellante escándalo? É ben certo que non hai nada novo baixo o sol, xa os emperadores e gobernantes da antiga Roma empregaban o panis e circenses para manter ao pobo arredado das súas políticas.
Como podedes apreciar non son moi optimista sobor o que nos depara o mes de setembro. Xa vo-lo contarei, se cadra, en outubro.
(*) Moito me gusta esta verba nosa, aínda a pesares de que me recorda que tamén eu esmorezo un pouco máis día a día. Será porque me fai evocar ao gran Cunqueiro que moito gustaba de empregala na súa escrita.
“Cando o sol esmorecía, vin o moucho nun penedo, non che teño medo moucho, moucho non che teño medo”

Esmorece (*) agosto

Te puede interesar