Día de Difuntos

Un ano máis para lembrar, moi especialmente neste día, aos que xa non están con nós. Pai, nai, irmáns, muller e amigos que nos deixaron para sempre pero que, tamén para sempre, estarán nos nosos corazóns. 

Onte 30 de outubro, dúas datas antes do día de defuntos, co gallo de evitar aglomeracións, fun xunto coa miña irmá ao cemiterio de Catabois de Ferrol, nunha mañá triste e chuviosa co aparcadoiro cheo de coches, todos coa mesma idea que nós, a poñer unhas flores nas súas tumbas e a recordar aos nosos finados.

Recordar o mellor de todos eles, que era moito. Eu considérome moi afortunado coa familia que tiven, empezando por uns pais de ouro. 

Xa vos teño dito, incluso deixeino escrito nun libriño, que o meu pai era “moito home de Dios” e que a miña nai foi toda a vida unha santa, sen conto. Tocoulles vivir e criar catro fillos naqueles duros anos da incivil guerra e mesmo da desapiadada posguerra, sempre preocupados por un incerto futuro. A pesares daqueles tempos de apocalipse, nos que non faltaban os problemas, fomos sempre unha familia feliz. 

Na nosa casa respirábase alegría de vivir, por eso, o recordo dos meus pais é inmorredoiro. 
Eu ben sei que houbo moitas familias como a nosa, que viviron e padeceron aqueles tempos miserentos, tamén coñecidos como os anos da fame. 

A todas elas vai dedicado tamén este apunte así como a amigos e compañeiros xa desaparecidos. Anque non é doado conformarse, hai que recorrer ao tópico de que “é lei de vida”, non queda outro consolo maior.

A todos, familiares e amigos, práceme lembrar neste día de defuntos, con un recordo moi especial para a miña dona EVA que nos deixou orfos vai xa para dous anos. 

A súa ausencia é dolorosa acotío nunha casa na que cada recuncho fala dela e que, sin ela, está baleira. Non en van foron cincuenta e sete anos xuntos, con tres fillas e catro netas en común.
EVA onde queira que esteas, por riba da tristura duns tempos que non son nada bos, o teu recordo acompáñame tódolos días.

“E cando chegue a hora da derradeira viaxe
e estea a piques de partir
a barca que nunca ha tornar
me atoparedes disposto e lixeiro de equipaxe como os fillos do mar”.

Día de Difuntos

Te puede interesar