Descanse en paz

Fai exactamente un ano escribín eu e publicou o Diario de Ferrol un apunte titulado “Franco rides again”. Nel falaba da exhumación de Francisco Franco soterrado á sazón no chamado Valle de los caídos nunha cripta proxectada por el mesmo, baixo unha lousa de 1500 quilos.

O xoves 24 de outubro do ano 2019, procedeuse por fin á tan controvertida exhumación . Estou de acordo con todos aqueles que pensan que debeu facerse hai moitos anos, coincidindo coa data de aprobación da Constitución. Rematan así corenta e catro anos dun anacronismo esperpéntico como diría o gran Valle- Inclán, inventor do vocábulo. Máis vale tarde que nunca.

Críticas ao Goberno, como non podía ser doutro xeito, centradas no seu presidente a quen os nostálxicos acusan de electoralista chamándolle entre outras lindezas profanador de tumbas. Non se dan conta de que eles están caendo no mesmo coa súa actitude, no que se refire ás eleccións.

Ten razón Pablo Iglesias cando di que aquí non desaparece o franquismo, como afirman algúns, porque este segue presente nas institucións do Estado e nas oligarquías financeiras nacidas co réxime que durou corenta longos anos.

A cerimonia e o traslado, previamente ensaiados, transcorreron sen sobresaltos dignos de mención, malia a presenza de moitos nostálxicos entre os que destacaban vinte e dous descendentes do ditador. Por certo, seica estes van a apelar ao tribunal europeo dos dereitos humanos, reclamando entre outras cousas que sexa inhumado de novo na catedral da Almudena en Madrid, en contra da opinión do Goberno Español. Esperemos que as súas alegacións non sexan admitidas a trámite. Dalgún xeito sería unha inxerencia inadmisible nas decisións tomadas polos tres poderes do Estado, o lexislativo, o executivo e o xudicial.

Fálase agora de exhumar a Primo de Rivera, o fundador da Falanxe, e de permitir ás familias o traslado dos seus defuntos soterrados no val. Os casos son ben distintos, eu aconsellaría calma e deixar repousar en paz aos que alí dormen o sono eterno.

O que si repousa xa no cemiterio de Mingorrubio é o ditador, moi preto da sede do seu goberno durante corenta anos, no poboado do Pardo. Esperemos que desta volta sexa para sempre. Abonda xa de falar deste home que durante tantos anos gobernou e mangoneou con man de ferro ó noso país. Eu, dende aquí, avogo polo seu total esquecemento.

Que descanse en paz, se pode, que ten moito que descansar.

Descanse en paz

Te puede interesar