Debate ou combate*

guantei ata o final o debate a cinco do pasado luns. Máis do mesmo, ningún deles se considera responsable da situación de bloqueo na que estamos afogados, todo se lles vai en acusarse, uns a outros, nun enfrontamento que ten máis de combate que de debate, de aí o titulo deste apunte.
Non vou falar de gañadores nin de perdedores, ao meu xuízo, non hai gañador, só hai un perdedor que é o país enteiro. O que si está claro é que, con esta xente non imos a ningures, de feito, estamos agora peor que no mes de agosto. Para formar goberno e evitar unhas, máis que probables, terceiras eleccións, ten que haber un consenso entre tódalas forzas políticas do que estamos cada vez máis lonxe.
Tal como están as cousas o goberno que salga despois das eleccións, sexa o que sexa, si é que sae algún, terá unha oposición, desleal, implacable e canalla, ata tal punto que non durara moito tempo. E volta a empezar, non sei, ninguén o sabe, ata cando. Namentres, o país esmorece baixo mínimos  e baixando, o único que subirá será o paro que xa está moi preto dos tres millóns e medio de persoas. 
Todos falan moi ben, todos acusan aos contrarios con argumentos falsos mentindo e exaxerando, as máis das veces, os seus fallos, todos defenden o “partidiño”, todos falan de solucións e todos teñen razón, pero ninguén lle pon o cascabel ao gato para amañar a crise na que estamos e prepararse para a que está por vir.
Confeso que, a estas alturas,  non sei o que vou votar mañá, a cousa non é doada. Non son moi optimista, como vedes, de cara ao futuro. Non se trata xa de esquerdas ou de dereitas, trátase de supervivencia. Non vexo a ninguén, nin dirixente nin partido, coa capacidade suficiente para coller o touro polos cornos. Faise necesario que uns e outros cheguen a acordos reais esquecendo as liortas e pensando por riba de todo no país e na súa xente que xa hai moita pasando necesidades sen conto.
 A grandes males, grandes remedios, si estes políticos non son quen de chegar a un acordo, desbloqueando a situación, haberá que cambialos por outros con máis capacidade de diálogo. É necesario e urxente.
* Segundo o dicionario da Real Academia Galega, debater é discutir, disputar dialecticamente, combater é baterse nunha loita.

Debate ou combate*

Te puede interesar