Coronel Bouza Carballeira

Opasado mes de decembro finou en Madrid onde residía, meu bo amigo e compañeiro José Miguel Bouza, despois dunha longa e dolorosa enfermidade. Compañeiro de estudos no instituto Concepción Arenal de Ferrol e logo na Escola Naval Militar durante catro anos. Amigos de toda a vida pois ámbolos dous viviamos entón nas chamadas Casas Baratas, naqueles cutres anos 40-50 da posguerra incivil.
Cando souben do seu pasamento, escribín eu e publicou este diario unha breve, humilde apoloxía, destacando dalgún xeito o seu devir na Armada, concretamente no corpo de Infantería de Marina ao que el pertenceu e honrou. O diario EL País dedicoulle o 6 de decembro un amplo artigo,  titulado “Miguel Bouza, un militar para la Democracia”, que podedes ler en Internet se estades interesados en coñecer o seu historial profesional e mesmo a súa peripecia persoal. Tamén a Voz de Galicia na sua sección titulada obituario, dedicoulle un agarimoso recordo. Outras ilustres plumas coinciden en destacar en distintos medios a personalidade deste home e o seu compromiso coa democracia.
Non se trata hoxe de repetir o seu historial, senón de acompañalo a súa última morada. Por vontade propia, as súas cinzas van ser inhumadas o próximo sábado 3 de marzal no cemiterio municipal de Catabois, segundo me comunicou por telefono a súa dona Mari Paz.
Boa ocasión para que familiares e amigos lle rendamos unha derradeira homenaxe a un home de honor, valente, intelixente, bo e xeneroso. A inhumación será as catro e media da tarde o que comunico a tódolos que o coñeceron e quixeron en vida e desexen manifestalo coa súa presenza.
Descanse en paz o compañeiro e amigo. A súa dona, fillos e demais familia, unha aperta forte.

Coronel Bouza Carballeira

Te puede interesar