Coronavirus (Outubro 2020)

Ao pan, pan e ao viño, viño: Ata aquí chegamos sen adiantar un paso contra a maldición que nos afoga a todos, sen excepción. Dende fai case un ano, a pandemia non fixo máis que medrar no mundo enteiro. Se algo está ben claro é que a solución é cousa de tódolos países unidos. O becho non entende de fronteiras, nin sequera mar polo medio, así o teñen que comprender e baixo esta convicción combatelo, todos xuntos. Mentres haxa un só contaxio non estaremos libres da pandemia. Non valen, estámolo a ver, as solucións parciais, as medidas teñen que ser globais, coas mesmas normas e obrigas para todos.

A primeira derivada da pandemia é a caída da economía, falando en Román Paladín, a ruína. Cumpramos as directrices das autoridades sanitarias anque non confiemos nelas pero, dun ou doutro xeito, máis cedo ou máis tarde, van a ter que abrir a man permitindo que a vida normal, os comercios, a hostalaría, o turismo, tódalas actividades económicas en xeral, abran as súas portas volvendo, con pandemia ou sin ela, a unha normalidade anque sexa vixiada. Seica a solución é unha carreira de fondo pero o que non se pode permitir baixo ningún concepto, é arruinar os países, que é o que está a pasar. Perdoade o pesimismo pero, tal como o vexo eu, chegará un momento en que con contaxios ou sen contaxios, teremos que facer vida normal. Entre morrer polo Coronavirus ou morrer de fame, a alternativa está ben clara. Ata de agora confinamentos, estados de alarma, mascarillas, lavado de mans ....etc non dan o resultado esperado. Cada día estamos peor que o anterior sen albiscarlle o final ao pesadelo. A pandemia marcando máximos e a economía mínimos, tódolos días. Haberá que tentar outras solucións mentres non chegue a tan esperada vacina.

A grandes males, grandes remedios, as autoridades sanitarias que sigan ao seu que é estudar e impoñer as novas directrices que consideren necesarias pero sempre sen perder de vista a economía porque, de facelo así, pode ser peor o remedio que a enfermidade. Xa veremos si o anunciado toque de queda arranxa a situación, abramos, unha vez máis, unha ventá a esperanza. Da política e dos políticos, prefiro non falar hoxe.

Noutros tempos, a falta doutras solucións mais científicas, as epidemias combatíanse con lume. Como homenaxe a os nosos devanceiros acendamos simbólicas fogueiras en todo o mundo, alimentando o lume con tódalas eivas que asolan a humanidade, guerras, contaminación, corrupcións, crimes, ambicións e demais refugallo. Non sei si acabaremos coa pandemia pero algo sairemos gañando.

Coronavirus (Outubro 2020)

Te puede interesar