Choiva

Non me amola demasiado a choiva no seu tempo, pero dentro dunha orde, porque a que caeu o mércores 14 pola mañá, en Ferrol era o Niágara desbordado. Rios de auga polas rúas, con inundacións e charcos como lagoas. Nestas condicións tiven que coller o meu coche para levar a muller á clínica e aquí a cousa xa se puxo seria de máis. Como era hora punta, con xente para o traballo e nenos a escola, tódolos coches de Ferrol estaban na rúa, coas luces acesas e visibilidade case nula, bucinas, freadas e berros, aquelo era un pandemonio. Poucas veces vin caer tanta auga do ceo polo que acáeme dicir aquelo de “chovía a Deus dala”.
A cantidade de auga caída durante toda a mañá, coas fontes, rios e regatos pequenos cheos a reverter, supoño eu que abondaría para encher o encoro das Forcadas tan falto dela hai apenas dous meses. Todo isto, agora que vai empezar a tempada de pesca, lévame a recordar os meus rios, nos que algunhas troitas teño pillado noutros tempos máis felices. Meus cebos favoritos no vrau, eran os grilos e os saltóns que abondaban nos prados mesmo á beira do rio. Nunca utilicei o ferro que é como lle chaman os troiteiros enxebres a culleriña. Penso que é un dobre engano para os peixes facerlles roer un trebello metálico con sabor a nada. Tempos aqueles nos que pasaba as tardes no rio sen outra compañía que a fermosa paisaxe e o discorrer das augas na súa tola carreira camiño de ningures. Mágoa que todo se acaba, paréceme a min que hoxe en dia xa non hai troitas nos meus rios, nin sequera grilos nin saltóns nos prados.
Disque a auga é a fonte da vida polo que temos o consolo de que estas choivas traerán consigo o galano dunha fermosa primavera que xa está a piques de chegar, con choivas miúdas que nos os galegos chamamos orballo. Esa mesma choiva que se fai arte en Compostela e que me fai evocar o poema de Rosalia:
“Como chove miúdo / Como miudiño chove / Pola banda de Laíño / Pola banda de Lestrove”.
ou aquelas outras rimas do poeta asasinado na incivil guerra do 36:
“Chove en Santiago / meu doce amor /Camelia branca do ar / brilla entebrecida ao sol.”
Como hoxe, aínda que segue a chover, saen algunhas raiolas, venme á memoria aquela canción ferrolá case esquecida:
Cando chove e sae o sol / Anda o demo por Ferrol.

Choiva

Te puede interesar