Cela

eo dunha soa xeira o libro de Tomas García Yebra, Madrid (1956) titulado “Desmontando a Cela” (2002) e publicado por Ediciones Libertarias. Nel fala polo miúdo desmitificando a Camilo José Cela Trulock (1916-2002), premio Nobel de Literatura en 1989 entre outros moitos premios, títulos, distincións e recoñecementos.  Anque a miña opinión teña pouco valor para moitos, pétame expresala e transcribila aquí. Aínda recoñecendo aquelo que dicía un bo amigo meu, moi castizo el, “algo tendrá el agua cuando la bendicen”, teño que empezar dicindo que este, máis que controvertido personaxe nunca foi santo da miña devoción. Non se pode dicir que fora unha persoa precisamente entrañable, senón máis ben prepotente, iconoclasta, irreverente, escatolóxico e enfant terrible, distinguíndose, así o dicía el mesmo, polo seu desprezo pola humanidade. Para mostra un botón... ou dous:
A súa divisa derivada das iniciais do seu nome e apelidos, CJC, era “Comer, Joder y Caminar”. Outra perla da súa personalidade era: ”El mundo se divide en mis amigos y los hijos de puta”. Personaxe moi discutido, tivo defensores e detractores. Entre os primeiros destaca Francisco Umbral, o mesmo que despois de morto Cela publicou un libro titulado “Un cadáver exquisito”, que non foi quen de publicar en vida do Marqués de Iria Flavia. Por riba das súas novelas escribiu gran cantidade de artigos e reportaxes sen esquecer as conferencias que repetía sen rubor unha e máis veces en distintos foros. Para tan ampla labor, sempre foi vox populi, tiña negros que lle facían o traballo que el se limitaba a retocar e asinar. O caso de máis sona foi cando gañou o premio Planeta (1994) coa novela La Cruz de San Andrés, con toda probabilidade un plaxio da novela “Carmen, Carmela, Carmiña da autora coruñesa Mª del Carmen Formoso que moito deu que falar e aínda colea vinte e cinco anos despois. O libro de García Yebra conta ao longo de 250 páxinas, moitas outras cousas. Mágoa que non poda estenderme máis. De calquera xeito quero deixar aquí a miña opinión sobre as dúas novelas de máis sona de Don Camulo, como lle chamaban algúns, opinión que a lectura do libro de Gª Yebra non fixo máis que confirmar. A Familia de Pascual Duarte, é un culebrón escatolóxico e amargo. Non se comprende que a súa primeira edición saíra do prelo no ano 1942 cando o seu autor exercía de censor de prensa e delator de roxos, no goberno de Franco. Algún crítico apaixonado, chegou a dicir que Pascual Duarte era o alter ego do propio Cela. O outro libro máis emblemático, La Colmena, non foi publicado en España ata o ano 1945 por problemas coa censura, anque logo foi levada ao cine e á TV. Está escrita a imaxe e semellanza da novela Manhattan Transfer (1925) do escritor americano John Dos Passos (1896-1970). Nótase que é unha novela de moitos autores (negros), unificados, corrixidos e sen dúbida mellorados polo seu único asinante. Teño para min  que este foi sempre o seu xeito de escribir. Coas súas novelas, artigos, reportaxes e boutades, aproveitándose da estupidez humana, amasou cartos a esgalla pero, esta é outra historia. Garcia Yebra dedica o seu libro: ”a los amigos de Cela, para que pasen el rato” (Sic)

Cela

Te puede interesar