Astroteoloxía

O primeiro que me chamou a atención foi o título, logo o autor, meu bo amigo Enrique Casanova, compañeiro na Armada e de moitas horas de traballo na antiga Bazán. Home cordial e afábel no trato, un veterano enxeñeiro naval que xa tiña escrito máis dun libro técnico. Que eu saiba, esta é a súa primeira incursión na narrativa.
O libro, moi ben artellado, está dividido en catro partes ben diferenciadas e cada unha delas en capítulos, con dous protagonistas principais. As dúas primeiras tratan das vicisitudes dun rapaz nado na Galicia profunda, nun lugar recóndito da chamada Terra Cha lucense. Conta os orixes e a evolución dun home posuidor dunha gran intelixencia natural que o leva dende os seus eidos nativos ata, nada menos que a Cuba e posteriormente a Nova York. Ao meu humilde xuízo, estas dúas primeiras partes, se ben é certo que o autor emprega algunhas verbas enxebres, quedarían moito máis xenuínas, se os personaxes falaran en galego que é a súa lingua de nacemento. Durante a lectura destas dúas primeiras partes, víñaseme continuamente, de xeito inevitábel aos miolos o recordo indeleble dun amigo común ao que eu chamaba o americano de Barallobre.
A terceira e a cuarta parte contan a vida do segundo protagonista, fillo do anterior, que partindo soamente da súa intelixencia chega a sobresaír polos seus coñecementos e a ensinar nunha universidade americana. Non podo contar máis para non rebentar o contido da novela, pero hai dúas cousas importantes que quero salientar: A primeira é que o protagonista, supoño que tamén o autor, fanse preguntas sobre cuestións transcendentes que, dalgún xeito todos nos fixemos, e nos seguimos facendo, ao longo da nosa vida. Por outra parte, paréceme a min, que o autor trata de amosar, como un homenaxe, o valor da intelixencia natural e o gran mérito duns homes que dende o analfabetismo e a pobreza imperantes, estamos a falar dos primeiros anos do século XX, chegaron a ocupar postos sobranceiros nos seus respectivos traballos polo mundo adiante. Iso que os americanos chaman “Self made men”.
    Novela recomendada. Eu fixen a primeira lectura dunha soa xeira, sete horas sen interrupción nunha longa tarde deste mes de agosto, seguindo a continuación cunha segunda máis repousada e detallada. Xa falei dilo co meu amigo Kiko Casanova Rivas a quen xunto cos meus parabéns recomendeille a presentación do libro en Ferrol. Estou convencido de que terá un grande éxito de asistencia e unha boa acollida.
Parabéns de novo pola túa “Astroteoloxía” e unha aperta forte.
PD.- O libro tédelo a vosa disposición, por un módico prezo, na Central Librera.

Astroteoloxía

Te puede interesar