Agosto 2019

Alá vai agosto, sen dúbida o mes máis longo e máis tolo do ano. Déixanos choivas torrenciais con riadas devastadoras, lumes con miles de hectáreas queimadas provocados por descerebrados cuxo lema debe ser “después de mi el diluvio”, frase atribuída a Luis XV de Francia. Déixanos asemade as temperaturas máis altas do século. Cousas do cambio climático disque. Como contraste, festa rachada en todo o país, praias e hoteis cheos a rebordar. España enteira é unha feira, xente que vai e ven, tododios de vacacións. Non importa que sexan ao fiado, hai todo un ano para pagalas ou mesmo para pedir un novo creto. E se non, que as paguen os pais ou os fillos. Como soia dicir de brincadeira un pérfido e desleigado personaxe: hai que vivir a conta dos pais ata poder facelo a conta dos fillos.

Mañá xa é setembro, anque non son moi optimista, xa veremos o que nos ten reservado. De momento, o día 23, cese do goberno en funcións e convocatoria de novas eleccións en novembro. E despois que?. Un desastre para o país o miredes por onde o miredes, cos mesmos politicastros coas mesmas teimosías e xenreiras. Con esta xente, non lle arrendo as ganancias ao presidente en funcións gañe ou perda as eleccións.

Os estudantes, nenos e nenas, rapaces e rapazas, volta aos seus estudios que boa falta fai xente preparada neste país noso. Os traballadores, homes e mulleres, os que teñan a sorte de acadar traballo, a traballar que o traballo é un dereito e unha obrigación social. Os vellos e os xubilados a coidar e educar os netos, ou as netas como é o meu caso

Os corruptos a seguir coas súas corrupcións mentres a dura lex mira de esguello, para outro lado. Poderoso cabaleiro e don diñeiro.

Os futbolistas e demais chupópteros do fútbol a seguir amasando cartos a esgalla a conta do fanatismo dos seareiros, mentres os estadios sigan cheos. Segundo recentes declaracións de CR, ese xenio deslinguado, a unidade de medida dun xogador que se prece, son os cen millóns... de euros. E xa non quero falar de Neymar, Florentino, Zidane, Messi...etc que semellan ser os personaxes máis importantes do país. Os seus contratos, as súas primas e as súas declaracións deberían ser recollidas nunha antoloxía do disparate.

A chamada violencia de xénero continuará medrando ata converterse no mal do século. Homes e mulleres, mulleres e homes, que tanto monta, asoballados sufrindo o maltrato e ata a morte ás mans das súas parellas.

A contaminación, plásticos, lixo e refugallo a medrar cada día máis. Disque dentro de poucos anos haberá máis plástico nos mares que peixes o que significará a morte dos océanos e, por ende, a fin do mundo. Dicía hai uns días un sabio no Semanal que a este paso, non chegamos ao 2050.

De todos nós depende. Xa vai sendo tempo de reflexionar e de tratar en serio os problemas aquí expostos. É necesario e urxente cambiar de xeito de vida. Fagámolo así polos nosos fillos, netos e demais descendencia.

Agosto 2019

Te puede interesar