Aforismos galegos

Xa vos teño contado dende aquí que alguén dixo unha vez que escribir é un xogo ledo e divertido, faltoulle dicir que tamén é moi relaxante. Por riba, facelo na lingua de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro e un longo etcétera de insignes escritores é para min un grande honor. Mágoa que o gran don Ramón, o das grandes barbas de chibo, o outro famoso manco da literatura española, non escribira ás súas fermosas verbas en galego, a pesares de haber nacido en Vilanova de Arousa, o 28 de outubro de 1886. De calquera xeito, a galeguidade está reflectida na súa escrita e mesmo no seu modo de ser, transferido ao seu alter ego máis logrado, o Marqués de Bradomín, que é como el, feo, católico e sentimental.
Hoxe práceme falar dos aforismos galegos que tanto me gusta empregar nestes meus apuntes. Son o que eu chamo agora aforismos, sentenzas breves, a miúdo moralizantes, transmitidas de pais a fillos ao longo dos anos. Eu lémbroos en galego tal como vo-los presento, oídos aos meus país e herdados por eles dos meus avós. Aquí vos deixo algúns que non precisan outra explicación, son de doado entender e mesmo de aplicar axeitadamente, segundo conveña á ocasión. Ao meu xuízo son coma un resumo, unha mostra do xeito de ser dos galegos, unha especie de vademecum para andar polo mundo, froito de moitos anos de experiencias dos nosos devanceiros. Que a ninguén se lle ocorra traducilas ao castelán, penso que perderían gran parte do seu encanto e significado:
-Xente nova e leña verde, todo é fume. (Oída a un tolo hai moitos anos polas rúas de Vigo).
-Arrogancias nunca gañaron preitos. (Ramón Mª del Valle Inclán)
- Xente con xente.
- O falar non ten cancelas.
-Non está o alcacén pra gaitas.
-Máis sabe o demo por vello que por demo.
-Lingua proletaria do meu pobo, eu fáloa porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dáme a gaña. (Celso Emilio Ferreiro)
-As troitas non se pillan coas bragas enxoitas.
-Tales terras, tales nabos.
-Galiñas serán pero chéirame a can.
-Chámalle burro ao cabalo
-Tempos foron, tamén Houbo un tempo.
-Cada un fala da feira segundo lle vai nela.
-Amiguiños si pero a vaquiña polo que vale.
-Quen che mandou cantar meu crego, que che mandou cantar meu frade, o que che mandou cantar que che pague.
-Nunca choveu que non escampara.
-Deixa que o río chegue ao mar... (Canción de Andrés Dobarro).
-Cando o sol esmorecía, vin o moucho nun penedo, non che teño medo moucho, moucho non che teño medo.
Inda ben non acabo de rematar este apunte, doume conta de que me estou repetindo. Hai un ano máis ou menos xa falaba destas e doutras andrómenas, ás que chamei entón Verbas Galegas e Apócrifas. Síntoo, son cousas da idade. De calquera xeito, aquí vo-lo deixo xunto con un novo aforismo a modo de escusa; -Agora xa foi Marica non chores.

Aforismos galegos

Te puede interesar