A trancas e barrancas

r. Sánchez, aínda que falei hai pouco tempo da súa investidura dende esta columna, desta volta diríxome a vostede directamente, sen ambaxes. Fálolle, como se soe dicir, a calzón caído pero créame, coa mellor intención e sen acritude, tratando de aportar un gran de area para desfacer este nó gordiano no que estamos metidos os españois todos. No que nos meteron vostedes os políticos, os de aquí e os de acolá.
Por máis voltas que lle dea, está ben claro que non hai pacto posible para a súa investidura, por moitas concesións que faga, e vostede sabeo moi ben. Tal como están as cousas non queda outra que unhas novas eleccións en novembro o que significa catro convocatorias en catro anos, “y lo que te rondaré morena”. E isto non hai país que o ature coa credibilidade, a economía e o prestixio internacional baixo mínimos e baixando cada día un pouco máis, se é que xa non temos tocado fondo.
Aínda que non é o único culpable, Unidas Podemos (UP), o Partido Popular (PP), Ciudadanos (C,s) e Vox, teñen boa parte de culpa da situación que atravesamos, é vostede o principal responsable por aferrarse a unha solución que non ten futuro. 
No caso hipotético que acade o Goberno en setembro ou máis ben en novembro, será vostede presidente dun goberno fantasma e feble, acosado por unha oposición frontal, desleal e desapiadada que non parará ata facelo dimitir, e volta a empezar. 
Non conta vostede con moitas simpatías e o único que está a conseguir coa súa teima e a súa prepotencia é aumentar as antipatías e ata o rexeitamento do seu propio partido. 
O mellor que pode facer polo país e mesmo polo partido é dimitir e dar paso a un novo candidato. Pense que non hai ninguén imprescindible e que gañaría moitos enteiros aos ollos do electorado. O novo candidato non o vai ter doado pero, polo menos non terá en contra a xenreira que vostede ten ben gañada coa oposición.
Non se obsesione en argallar un goberno a trancas e barrancas, o que Pérez Rubalcava deu en chamar un Goberno Frankeistein, unha galdrexada de partidos de cores distintos e distantes, condenada ao fracaso. Dimita xa, mellor hoxe que mañá para que remate esta desfeita que, uns e outros, teñen organizada no país.
Este tempo de vacacións que está a desfrutar en Doñana, que tanto lle critica a oposición, é unha boa ocasión para a reflexión e o triunfo do sentido común, aínda que este, polo que se ve e polo que se oe aí fóra, semella ser, unha vez máis, o menos común dos sentidos.

A trancas e barrancas

Te puede interesar