A sorte do campeón

índa que non son un fanático do fútbol o Sábado 26 estiven a ver na TV a final da Champions League que gañou o Real Madrid por 13ª vez. 
Vaia por diante a miña felicitación ao equipo e aos seus seareiros así como a menxase de que nada máis lonxe da  miña intención que amolar a ninguén con estes meus comentarios, anque penso que no medio de tantas louvanzas e ditirambos, non acae mal un pouco de crítica.
O partido non foi bo, non estivo a altura do acontecemento nin dos xogadores máis caros do mundo, condicionados no seu xogo polas tácticas impostas polos seus adestradores. 
O importante, por riba de todo, era gañar, e gañouse. Ao meu xuízo o Liverpool xogou mellor e mereceu máis. A desgracia cebouse co equipo dende a lesión do seu xogador máis emblemático ata os fallos inexplicables do porteiro, que decidiron o encontro. Ámbolos dous futbolistas abandonaron o campo chorando e pedindo, o porteiro, perdón aos seareiros.
O Real Madrid tivo toda a sorte que lle faltou ao seu rival. O primeiro gol, un regalo do gardameta inglés, nunca debeu subir ao marcador. Foi un lance sen mérito ningún, froito dunha dubidosa e pouco deportiva actuación do dianteiro branco. De ningún xeito foi unha xenialidade como nos quere facer ver o xornal.
O segundo gol de fermosa factura, foi obra dun atleta, pero convirán comigo que so en unha de cada mil ocasións, un remate como este acaba na rede. Foi unha pura chamba, como se dicía nos meus tempos, que é o mesmo que dicir que foi un gol de chiripa.
O terceiro, unha nova cantada do porteiro, e volta a falar de xenialidade o que foi claramente outro lance desgraciado. A sorte de novo aliada cos merengues.
Euforia final dos seareiros do Real Madrid, declaracións fóra de tempo e lugar do CR, quizais enrabechado por haber pasado desapercibido durante todo o encontro. Parabéns de novo a presidente, adestradores, xogadores e demais persoal do club branco, pero o partido e o seu desenlace foi tal como eu o conto.
Á vista do que pasou no Olímpico de Kiev, penso que sería bo estudar a posibilidade de que a final da Champions, se xogue, como o resto das eliminatorias, a dobre partido. Evitaríanse así resultados como os do sábado 26 onde non gañou o mellor, gañou o que máis sorte tivo.

A sorte do campeón

Te puede interesar