A gran desfeita

Martes sete de xaneiro do 2020. Son as dez da mañá, a poucas horas da votación pola investidura de Don Pedro Sánchez Pérez Castejón como presidente do Goberno de España. Escoito na TV as opinións, tan distintas e tan distantes, duns e doutros. Nunca, que eu recorde, houbo en Democracia un enfrontamento tan grande na política española entre as esquerdas e as dereitas. Uns convencidos das vantaxes dun goberno progresista e os outros escandalizados, anunciando grandes catástrofes no devir político, social e económico do noso país.

Ao mesmo tempo leo no xornal os arrepiantes comentarios dos artigos de opinión, chamando, algúns deles, unha hora antes das votacións, á rectificación que, aínda se está a tempo. A maioría é moi crítica co delirante proceso seguido polo candidato para acadar o poder, afeándolle a súa errática conduta e os seus pactos contra natura, por riba dos intereses supremos do país. Destacan todos eles, como guinda do pastel, a falta dunha rotunda réplica ás manifestacións da deputada de Bildu, nun discurso cangado de ofensas ao Rei, á Constitución, a España enteira. Está ben claro que non o fixo por medo a que cambiara a súa abstención por un non. Para máis inri, deulle as gracias pola súa intervención.

Ante esta situación é imposible ser optimista con respecto ao goberno que nos vén. Nin sequera se lle pode outorgar o beneficio da dúbida porque non lle vexo moito recorrido, entre outras razóns porque tampouco se van a entender entre eles, os seus compoñentes. Todos contra todos, nun totum revolutum, esa vai ser a tónica. Está moi claro que a empatía entre Sánchez, Iglesias, Esquerda Republicana, Oriol Junqueras e demais advenedizos deste goberno, disque de coalición, non existe, son demasiados egos xuntos para poñerse de acordo. O Sr Sánchez, tan deostado por tantos, acabará como o galo de Morón, sen plumas e cacarexando.

Ás dereitas, pola súa parte, que tanto tempo levan a velas vir, non as vexo eu coas enerxías nin coa categoría suficientes para facer unha oposición seria, como a que require unha situación na que se perderon as formas, a concordia, a educación, a tolerancia e por ende a Democracia.

Son agora preto das tres da tarde, xa temos novo presidente do Goberno despois dunhas máis que controvertidas votacións, 167 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións. Saíuse coa súa o Sr Sánchez; o prezo das claudicacións e concesións feitas a prol dos seus compañeiros de viaxe pagarémolo tódolos españois.

En resumo, como digo, unha gran desfeita que non acaba aquí. (Continuará)

A gran desfeita

Te puede interesar