A fin do mundo

Un informe da ONU alertaba, fai agora un ano que, de seguir con este xeito de vida, a fin do mundo terá lugar no 2050. Argumentaba como causa principal, o cambio climático. Anunciaba asemade grandes desastres que culminarán coa desaparición da vida na terra, no medio de grandes secas, inundacións, incendios, fame, aumento da delincuencia.......etc e, como remate de todo elo, a guerra nuclear. Recomendaba así mesmo unha serie de medidas para evitalo. Ata de agora non parece que se haxan tomado moi en serio, a nivel global, as advertencias e recomendacións do citado organismo.

Leo no xornal que o Covid-19 é soamente unha das dez ameazas catastróficas que pesan sobre a humanidade, incluíndo en primeiro lugar o citado cambio climático. Despois de enumerar as outras nove ameazas, remata o informe dicindo que a última e máis importante é a incapacidade global dos homes para entenderse e actuar preventiva e conxuntamente contra os riscos potencialmente catastróficos para toda a humanidade. 

É o coronavirus un adianto e, ao mesmo tempo, un aviso do que está por vir? O que si está claro é que chegou para quedarse, non hai outro remedio que afacernos a vivir con el, e que vai deixar, está deixando xa, efectos devastadores na economía mundial, moi en consonancia coas terroríficas predicións contidas no informe da ONU. Non cabe dúbida de que haberá un antes e un despois da pandemia. Penso que é chegado o momento de tomar en serio os avisos e as advertencias en relación co cambio climático e os outros riscos catastróficos que ameazan a continuidade da vida na terra. Só hai un remedio para evitalo que consiste en que tódolos países do mundo, sen excepción algunha, cheguen a un acordo. A humanidade enteira ten que aproveitar as leccións tan duramente aprendidas durante a pandemia actual, cambiando o seu xeito de vivir e de pensar. É tan necesario como urxente.

Ardua tarefa pero, non hai outro camiño para saír ao paso da catástrofe que, segundo as predicións da ONU, se aveciña. Vainos nelo a supervivencia e o futuro dos nosos fillos e netos.

POSDATA.- Son consciente de que este apunte meu, se chega a saír no xornal, non acaerá moi ben a moita xente nestes intres que estamos a vivir. Nembargantes, que ninguén me tache de agoireiro, acórdense do refrán que di que máis vale previr que lamentar.

A fin do mundo

Te puede interesar