O fillo do alcalde

Son de esas cousas que pasan cando es rapaz que che marcan a personalidade. Lembro un ano nas festas patronais de San Ciprián, as da Virxe do Carme, tería eu uns 16 anos. Era unha boa época, a natalidade aínda non sufría moito e a cuadrilla era bastante grande, amigos con idades dende os 13 ós 17. Entón chegou un dos nosos amigos máis novos, asustado, porque un grupo de rapaces do pobo veciño quixeran pegarlle. Cousas de mozos, pero fomos uns cantos ver que pasaba e foi cando aquela frase me sorprendeu: “Son o fillo do Alcalde”, de pouco lle valeu, levou unha bronca. Pero si pretendeu situarse dalgún xeito por riba nosa con aquela ameaza.
Dende aquela separo moi ben a quen sabe e ten dignidade de servizo público, e a que intenta que o público estea ó seu servizo, que é ben distinto. Compre aclara que entendo que os cargos públicos teñen que estar defendidos na súa acción, senón dificilmente podería avanzar a sociedade e producirse debates precisos e necesarios para o benestar da xente.
Outra cousas son os privilexios ou a pretensión de uso fraudulento dos mesmos. Sorprende que nos cartóns identificativos de senadores e deputados figure impreso o artigo da Constitución que outorga o aforamento, coido que non é boa idea, era mellor que figurase o artigo 14 da Carta Magna, era moito máis significativo e igualitario.
Para min o recente episodio dos retrovisores é unha entrega de aquel: “son fillo do alcalde” a sensación que me queda é a mesma, unha desilusión enorme e tamén moita coraxe e forza para cambiar estes feitos. Non podo defender tampouco accións de apoio a Deputada que cargan contra dos axentes da policía local de Santiago, sei que moitas veces a policía tamén actúa como o fillo do alcalde, pero tamén sei por experiencia na miña acción política e sindical, que ó final son traballadores da mesma clase ca min, proletarios.
Coido que cando ves a mudalo todo a facer “nova política” non podes ser cómplice da actuación daquel fillo do alcalde. Ten pois En Marea que demostrar que cumpre o artigo 14 da Constitución e facer unha acción digna para Galicia, o resto é unha forte traizón, cando menos para aquela xente que acreditou neles.

O fillo do alcalde

Te puede interesar