Pero que modernos e que europeos, oes

Asistimos a unha nova e máis moderna entrega da doma e castración, disfrazada de modernidade e de igualdade de oportunidades. Un político, de nome catalán, propón que as linguas cooficiais deixen de ser obrigatorias para os funcionarios en cada territorio, por lei estatal claro, nos que aínda é obrigatorio que non son todos por certo. Unha medida cando menos moi culta e que preserva a riqueza do Estado, non si? Coido que inspirada por ese gran líder do socialismo e Presidente da veciña Asturias: “Sin lengua no hay nacionalismo” dixo, e quedou tan tranquilo, que grandeza de ideas.
Son xenialidades da nova política, a intención de mudalo todo, incluso a calidade de atención dos funcionarios, xa que para esta xente o verdadeiramente obrigatorio é saber castelán. E dicir, adaptar os administrados á administración o que non fale castelán que o aprenda, nembargante ó que lle pagamos todos non ten por que facelo.
Imos ser claros este partido, Ciudadanos, defínese como moderno e europeísta, xa vemos que moderno non é cando aplica principios da política de 1486 e para desgusto dos propios laranxas tampouco son moi europeístas: “O multilingüísimo é unha das claves da riqueza cultural de Europa con 24 linguas oficiais, cada europeo ten dereito a dirixirse á Comisión Europea na lingua oficial que considere e a Unión ten a obriga de resposta na lingua elixida” di o portal da Unión.
Máis ou menos como propón o señor. Rivera, non si? Xa que logo porque non propón esta política en Europa, todos a falar inglés e francés. Moi fácil, porque é ridículo e choca coa esencia do proxecto de Europa.
Xa non imos falar de respecto, de historia, de cultura, de dereitos, compre lembrar que a propia Constitución que tanto PP, PSOE e C’s veneran é a que fala dos principios de descentralizar e desconcentrar de achegar a administración á xente, que fai logo Ciudadanos propoñendo isto? Pois xa o vemos centralizar e traizoar á súa propia esencia constitucionalista, que cousas ten a nova política.
Estes procesos de involución só fan que cada día máis perdamos o convoi de Europa, seguro que os socios ven con preocupación cada agresión que estes grupos fan a construción común, danando os dereitos dos pobos, os dereitos dos galegos, dos vascos e dos cataláns e daqueles que loitan polo recoñecemento da lingua nos seus estatutos como agora os asturianos.
Quen pode acreditar en esta xente que se chama europeísta e fai propostas que están no camiño diametralmente oposto ó recoñecemento e dereitos dos cidadáns de Europa?
A resposta de nivel foi: “Sin lengua no hay nacionalismo”, isto xa se resposta só, señor presidente de Asturias, sobre algún tipo de nacionalismo saben moito na súa terra, teña respecto.

Pero que modernos e que europeos, oes

Te puede interesar