Galicia, banco de probas

As sucursais galegas dos partidos do estado, fai tempo que veñen probando en Galicia experimentos de accións políticas que despois, se son produtivos, poñen en valor nas eleccións estatais. Usan Galicia como banco de probas, case como se fósemos un túnel do vento. Un banco de probas non é máis que unha plataforma de experimentación de proxectos de grande desenvolvemento, así é como ven e usan a Galicia.
A aplicación dun crecemento controlado doutra opción que aplica o PP, foi estudada en Galicia nas eleccións de 2012, con éxito. E logo foi aplicada nas seguintes eleccións en España. A equipa de Nuñez Feijoo, fronte a moda inicial das confluencias, decidiu dar oxíxeno a AGE. Chega con ver o espazo ocupado por este último nos medios afíns ó PP. Controlando o seu crecemento evitou a perda da maioría, alimentando o antagonista mobiliza o seu  voto e consegue que outra opción medre o xusto. O éxito da proba foi trasladado a Madrid, en 2015, co famoso sorpasso de Podemos. E posteriormente de novo en Galicia alimentando a un BNG xa na UCI nas autonómicas de 2016, para frear a En Marea.
AGE foi tamén en si mesmo un ensaio do que sería Podemos, cómpre lembrar para quen traballaba como  asesor o dono do chálete proletario de Aravaca, o Sr. Iglesias era un asalariado de AGE no 2012.
Ata o PSOE fogueou na política galega a moitos dos seus referentes incluído o Presidente Sánchez. Que coincidencia, ou non, era membro da equipa do Señor Blanco, ese Ministro tan bo para Galicia, con temas como o Alvia e o Fiouco, malas referencias en este País, que traballou de asesor para Touriño.
A arquitectura política de En Marea pode considerarse en si mesma un experimento, impulsado por Podemos e IU, coa colaboración de parte de parvos útiles do nacionalismo, sendo conscientes de que en Galicia o voto en clave de identidade está moi presente. O problema é que o cemento era malo, moi malo, e neste caso foi un experimento fallado en toda regra, cun custo moi elevado para a política e a dignidade de Galicia, unha anomalía.
Galicia é xa que logo, o banco de probas da política estatal? O lugar onde entrenar e foguear líderes? O voto galego marca tendencia? Cada quen que reflexione, mais eu estou seguro de que é preciso dignificar a política en Galicia e defender a nosa identidade e forza. Galicia ten que contar e ocupar o lugar que merece no Estado, Galicia ten  que ser Nación en Europa, ou so será un banco de probas.

Galicia, banco de probas

Te puede interesar