O éxtase “Mariano” de Soraya

Con sinceridade, a quen non lle asusta a intervención da vicepresidenta do Goberno na que fala de descabezar? A min asústame moito, como demócrata e como persoa. Só é explicable por unha iluminación transitoria do seu líder supremo, é dicir, por unha situación de éxtase “Mariano”, cal Juana de Arco do centralismo. Porque coido que politicamente non é explicable e tampouco moi inspiradora, valeulle para chegar a catro deputados, en Galicia nin terían representación, igual a xente colleu medo.
Convido, á quen queira, a ver a clase de políticos que son capaces de manipular de xeito tan grave a división de poderes. É unha intervención ben ilustrativa da súa forma de facer política: unilateralidade nas decisións, rancor, odio, control das administracións e rabia. O vídeo transmite ben o fondo da acción política do máis rancio PP.
Mais a realidade é dura señora Soraya, os líderes non son máis líderes por estar na rúa, mesmo iso no PP teñen que sabelo ben, son o único partido imputado por corrupción co líder pola rúa sen problema, tamén parece que o seu guía espiritual figura en algún que outro informe policial. A sociedade catalá acaba de darlle unha lección, non só política, unha lección de educación, coido ben merecida.
Isto non ven máis que a demostrar a súa estratexia de destruír todo aquelo que non responde ó seu ideario e a súa máquina electoral. En calquera democracia tería que ter dimitido, pero no PP son máis do “se fuerte” que todo pasa.
Temos que ter en conta que foi precisamente dona Soraya xunto e Federico Trillo os que o 31 de xullo de 2006 presentaban o tan famoso recurso contra un Estatut que fora referendado polo 73,9% dos votantes en referendo e que incluso Josep Piqué apoiaba. E fala de unilateralidade, incrible. De esta actuación deriva a situación actual. Por certo daquela coincidía o PP con ERC e a CUP, que cousas ten a vida.
Non pode estar ó fronte do “Ministerio de Presidencia y para las Administraciones Territoriales” unha “incha” do centralismo que demostra unha total falla de cintura e capacidade negociadora e un continuo abuso de poder, mesmo cando vai mercar roupa a unha grande superficie en coche oficial, eses pequenos detalles...
Os líderes son aqueles que a maioría parlamentaria elixe señora Soraya, non aqueles iluminados por un éxtase “Mariano”, mal que lle pese.

O éxtase “Mariano” de Soraya

Te puede interesar