Artigo 4.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia

os poderes públicos da comunidade autónoma asumen, como un dos principios rectores da súa política social e económica, o dereito dos galegos a viviren e traballaren na propia terra. Isto é o que di o artigo 4.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia. Pregúntome eu logo, por que Feijóo non cumpre a lei? Quen non ten un amigo ou familiar fora de Galicia porque na propia terra non tiña posibilidades de emprego? A min non me chegan os dedos das mans para numeralos.
Unha vez máis o gran xestor que se considera Feijóo, suspende. Dende o goberno da Xunta adícanse a xestionar miseria para de cando en vez variar os datos macro do desemprego, moi de cando en vez. Volve o PP a deturpar o seu seguimento estético da Constitución e do EAG. Estético porque so os cumpren cando lles convén e so a defenden cando lles convén politicamente, no eido dos dereitos, suspenden.
Compre reflexionar se asumir os principios reitores da política social e económica é descapitalizar Galicia. Co PP ós mandos pérdemos as caixas, o Banco Pastor, Pescanova, Fenosa, conserveiras... onde está a esencia de País e o traballo por Galicia en estas decisións? Os que chamamos motores da economía son hoxe de capital foráneo, francés, americano, venezolano, chinés... esta é a maneira que ten Feijóo de sentirse galego? coido está mellor en Madrid, máis a gusto.
Precisamos accións políticas que apoien aquelas empresas que se senten e actúan en chave galeguista, que queren estar en Galicia porque defenden o dereito dos galegos a viviren e traballaren na propia terra. Sei moi ben que son moitos os empregadores e empresarios que defenden esta forma de facer País, pero tamén sei que non están contentos coa política de beneficiar amigos que ten o presidente dos galegos e galegas, amigos que non son precisamente da nosa Terra.
Ameazas como a do Brexit en relación coa pesca non están a ser resoltas, os amigos de Feijóo están poñendo en problemas un dos nosos sectores chaves, con actuacións torpes en Vigo e Coruña e non escoitando o clamor do sector que si perciben en Francia e Irlanda, ofertando mellora á nosa flota. Este é un exemplo da acción de Feijóo en cumprimento do artigo 4.3 do noso Estatuto.Administrar Galicia non é xestionar, e xestionar non é permitir vender o noso.
Cando guste o señor Feijóo pode en Speakers’ Corner de Londres facer un discurso de como asumen, como un dos principios reitores da súa política social e económica, o dereito dos galegos a viviren e traballaren na propia terra, teño moitos amigos alí que llo van agradecer.

Artigo 4.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia

Te puede interesar