• Martes, 23 de Octubre de 2018

Praza de Armas

Comecemos desde o principio. Os ferroláns pagaron en 2009 2,4 millóns

Comecemos desde o principio. Os ferroláns pagaron en 2009 2,4 millóns por rescatar a concesión do aparcadoiro da Praza de Armas que remataba en 2018.
A pesar do rescate o PSOE e o PP autorizaron desde 2009 á concesionaria seguir xestionando o aparcadoiro por 9.000 euros por ano. A FeC debeulle parecer moito e permitiulle facelo gratuitamente desde 2015. É dicir, pagamos 2,4 millóns por nada, polo menos para a veciñanza e sen falar da xestión privada desde 2009 até hoxe.
O debate entre FeC e o PP sobre se hai déficit ou superavit de prazas no barrio de A Magdalena é absurdo. En Ferrol hai un coche por cada 1,8 persoas. É imposible crear tantas prazas de aparcadoiro como vehículos a non ser que pretendamos transformar Ferrol nun aparcadoiro xigante. Polo tanto o obxectivo non é crear máis prazas senón disuadir de empregar o coche aos veciños e veciñas e recuperar as rúas para a xente, ( peonalizar, vamos) E instalar un aparcadoiro no corazón da área a peonalizar é obviamente contrario a este fin porque como dixen máis veces os coches non voan.
Non se pode matar o que xa está morto. As medidas para a recuperación do barrio de A Magdalena son varias, diversas e interrelacionadas pero nunca excluíntes. É dicir, non peonalizar e dotar de transporte público ao barrio non irá en prexuízo do barrio por non telo peonalizado, simplemente mellorará o transporte. 
Do mesmo modo peonalizar sen adoptar outras medidas non suporá a morte dun barrio co 20% de vivendas e o 30% dos baixos baleiros, simplemente mellorará o espazo público.
É dicir, pódese e débese peonalizar independentemente de adoptar outras medidas complementarias.
A saber: Gravar a especulación dos baixos baleiros cunha recarga no IBI que FeC, PSOE e PP rexeitan. Asumir a xestión municipal do transporte público que FeC e PP pactaron entregarlle as mesmas empresas ás que o tribunal supremo lles anulara a concesión do PP en 2016. Crear aparcadoiros disuasorios coordinados co transporte público. Porque non consiste en habilitar simplemente espazos de aparcamento como se está a propoñer. Consiste en habilitar parkings periféricos desde os que partan as lanzadeiras de transporte público que vertebren a cidade e para iso a xestión debe ser municipal.
 Ademais, deberiamos ter en conta que participar non é decidir sen ter idea de que se está decidindo nin votar cal é o proxecto que máis nos gusta en base a composicións fotorrealistas cheas de arboliños e xente feliz dos arquitectos nos seus planos.
A participación consiste en recibir formación e información e de modo colaborativo complementar e transformar os conceptos técnicos que a veciñanza debe coñecer para saber cales son as consecuencias das súas decisións. E para iso fai falla tempo.
Por ese motivo, non adoptemos decisións irreversibles. A decisión de remodelar a praza é indiscutible. Só o PP pode preferir que aquilo siga parecendo unha ruína con tal de extraer réditos electorais. Pero pretender a remodelación da praza hoxe cun aparcadoiro é unha decisión irreversible porque iría vinculado a unha concesión da explotación que no mellor dos casos asumiría o custe da obra e que impediría reverter esta decisión durante décadas. Por tanto executemos o proxecto que temos para a remodelación da Praza sen aparcadoiro e abramos un debate serio, rigoroso e profundo sobre a necesidade deste. 
En resumo, se queremos realmente buscar un futuro para a cidade fagámolo desde o debate baseado en argumentos racionais e científicos e non nos encomendemos á maxia ou aos lemas instigadores de organizacións políticas que só ven nestes temas un campo de batalla electoral e intereses particulares dos sectores que representan.