domingo 25.08.2019

Eu alcalde

Pola presente autoproclámome alcalde de Ferrol dado o lamentable estado no que se atopa a cidade e a pésima labor do actual goberno. É máis, dado que Deus creou o mundo en seis días e ao sétimo descansou doulle un día máis para que non se queixe. Oito días para que o señor Suárez se vaia, e rápido porque ou ben se refuxia nos límites fronteirizos da UE na Turquía galega ou acabará facendo solitarios xunto aos independentistas cataláns na prisión de Lledoners. 
A partir de mañá contarei co respaldo da Mancomunidade de municipios, das Confrarías de Semana Santa, da dirección de Navantia, da TVG e co apoio loxístico das F-100 que tan xenerosamente España consignou como investimento para Ferrol nos orzamentos do Estado en previsión de situacións como esta e co obxecto de facelas nosas cando nos independicemos. 
Obviamente sempre desde o respecto á pluralidade de pensamento, aos principios democráticos e con intencións pacíficas, claro. Ademais comprométome a convocar eleccións para o 26 de maio e a defender a toda a xente boa e condenar a toda a xente mala. 

Eu alcalde
Comentarios