As estratexias da manipulación

n coñecido lingüista definiu dez estratexias de manipulación ás que se nos somete día a día co fin de convencernos de que todo vai ben, ou que se non vai ben, vai todo o ben que pode ir. A súa aplicación nesta Cidade podería ser algo así:
A primeira delas sería a estratexia da distracción e a “bañeira ferrolá” é o mellor exemplo de como se magnificou un feito co fin de distraer a atención do público. A segunga implica a creación dun problema para despois ofrecer a súa solución. Así tanto PP como o goberno aceptaron unha EDAR supramunicipal defectuosa que xerou un grave problema económico para a cidade. Posteriormente ofrecéronnos a solución: pagar os custes da súa reparación e a imposición dunha taxa que incremente o negocio de Emafesa. A terceira táctica ten que ver coa toma de decisións pouco a pouco, a gradualidade. Porque se pechasen os estaleiros de golpe non o aceptaríamos. Por iso o desmantelamento do sector naval na Cidade é gradual e os gobernos locais de quenda aceptan o seu papel. O actual garda silencio fronte á inminente reestruturación que acompañará á “adecuación” das instalacións no que deron en chamar Navantia 4.0. Diferir no tempo a aplicación das decisións adoptadas é a cuarta das tácticas e da que os contratos “ponte” anunciados por este goberno son un exemplo. Pospoñen até 2019, tras as próximas eleccións municipais, a privatización de servizos básicos da Cidade, mentres se prorrogan ou privatizan por dous anos. Tomarnos por parvos e parvas e dirixirse á xente como nenos e nenas é a quinta das vías de manipulación. Sirva de mostra a consigna do PP de “facer máis con menos” asumida polo actual goberno. A diferenza entre a bíblica multiplicación dos pans e os peixes e este slogan reside exclusivamente en acreditar ou non o carácter divino do goberno local. A sexta das tácticas supón empregar o aspecto emocional máis que a reflexión e así se pretende xustificar a prórroga de servizos privatizados co fin de conservar os postos de traballo. A realidade é que a desaparición das empresas privadas como por exemplo Urbaser non implica que non teñamos que seguir recollendo o lixo e menos que non precisemos dos seus traballadores para facelo. A sétima pretende manternos na ignorancia e por iso o argumento de que as administracións públicas non poden contratar é falso. Hai modos legais de contratar persoal que permitirían a Ferrol prestar servizos esenciais e obrigatorios pero non se queren empregar. A oitava ten por obxecto estimularnos para ser compracentes coa mediocridade e así a frase coa que se autodefine o goberno, “Somos activistas e non xestores”, pretende cualificar como positivo o seu descoñecemento da xestión municipal. Pero o problema é que para poder mudar o sistema é fundamental coñecer o sistema. 
O noveno dos métodos pretende autoculpabilizarnos do estado das cousas. A situación do transporte público en Ferrol é un dos exemplos posibles. Xustifícase a precariedade do servizo pola falla de usuarios, é dicir, tras sufrir recortes constantes para incrementar o negocio privado nós somos os culpables do deficiente servizo porque non o usamos. E por último, a décima das estratexias de manipulación se basea no coñecemento que teñen sobre nós. Sométennos a estatísticas, enquisas e análises sobre o que pensamos e queremos. Por iso mentres demandemos fútbol o Racing cumprirá un papel fundamental, pero e se algún día pedimos outra cousa? 
 

As estratexias da manipulación

Te puede interesar