jueves 02.07.2020

A España total

Coas próximas eleccións á volta os partidos escollen os seus lemas co fin de aclararnos cal é a súa paixón. O primeiro en decidirse foi o PP, quen co seu infrutuoso intento pretendeu aglutinar os votos ao redor de si baixo o paraugas do idílico “España suma”. 

Pero non só desde o extremo máis connotado do espectro político son transparentes respecto da súa prioridade. O PSOE asegura que agora o importante é España. Nin a crise industrial, nin a sanidade, “Ahora, España”, afirman. VOX non tardou en puntualizar que agora e sempre, esvaendo con sutileza e desacougo a liña que os separa.

Incluso os vellos novos recorren a eufemismos que ocultan a mesma idea espallando o seu proxecto capitalino ao resto de provincianos para que non dubidemos que “Más País” é o que precisamos, aínda que deberían advertirnos de que non se refiren nin ao do pan nin ao do queixo.

É obvio que para os deputados e deputadas escollidas por Madrid ou Cartagena España é todo e o resto será secundario. E é posible que tamén para os da Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra. Ou non, porque como nos contos existe unha pequena aldea gala na que seus nacionalistas habitantes saben que mentres España estea por riba de todo será imposible resolver a crise industrial galega ou a sanidade colapsada.

Comentarios