Xentes e lugares

Este é último artigo que escribo desde a cidade de Ferrol. Por motivos laborais, os mesmos que me trouxeron ata aquí -hai xusto hoxe nove anos-, decidín trasladar a miña residencia. Xa rematada a mudanza, tema que é mellor obviar, chega a hora das despedidas e de facer balance. Lembro os inicios. A miña sorpresa cando descubrín -non sen certo cabreo- que moitos bares pechaban ao mediodía, e algúns comercios os sábados pola tarde. A pena polo abandono que presentaban e presentan moitas das rúas. A falta de bulicio citadino. Non obstante, as xentes coas que, pouco a pouco, tiven a fortuna de ir coincidindo, fixéronme amar este lugar e a súa tranquilidade. Non me será doado encontrar unha comunidade de veciños tan atenta como a que tiven. Como tampouco un local, a cafetaría Montserrat, onde sentirme tan a vontade. Aos distintos propietarios e ás amizades alí creadas débolles moito máis do que eles me aportaron: axuda, afecto e cariño. Está claro que os lugares os fan as súas xentes. Voume coa certeza de que as amizades perdurarán.

Xentes e lugares

Te puede interesar