Xénese

Lendo un artigo de Manuel Rivas, caín na conta de algo no que nunca reparara: que a liberdade naceu o día en que Eva comeu o froito prohibido. De ser certo o que se narra no libro da Xénese, ela foi o primeiro ser que decidiu elixir e experimentar. Quen, cun mínimo de ansia de coñecemento, se podería resistir a descubrir o que se agochaba tras o froito dunha árbore denominada da ciencia do ben e do mal? Asemade, foi solidaria e compartiuno co seu home. Como é ben sabido, a acción prohibida conlevou duro castigo do “ser supremo”: expulsión do Edén, traballo, dor e morte. E Eva, como responsable principal, recibiu maior sanción: “Aumentarei as túas dores cando teñas fillos, e con dor daralos a luz. Pero o teu desexo levarate ao teu marido, e el terá autoridade sobre ti”. Foi, xa que logo, a curiosidade de saber, e non a condición de muller, a que motivou a tutelaxe. E dicir, que non se trata do primeiro caso de sometemento da muller por ser muller, pero si do de someter a quen pensa, cuestiona e decide. Hoxe os que mandan tamén prefiren sumisos adanes que non os cuestionen. Que pouco evolucionamos!

Xénese

Te puede interesar