Símbolos patrios

Sempre me sorprendeu que o nacionalismo español, fronte aos periféricos

Sempre me sorprendeu que o nacionalismo español, fronte aos periféricos, descoñecese en boa medida a historia do seu himno, escudo e bandeira. Non obstante, o goberno do PP pretende solucionar esta cuestión e xa hai tempo que ten previsto introducir o seu estudo no currículo escolar. Non parece desatinado querer que a xente coñeza a orixe e evolución dos símbolos do Estado, forma parte da cultura. Pero todo apunta a que non se vai facer coa asepsia que o asunto require, pois no mesmo paquete temático –en palabras do propio Goberno– preténdese reforzar a imaxe da Monarquía e das Forzas Armadas. Ata a ministra Cospedal manifesta ser isto unha boa maneira de vertebrar a nación. Lóxico, pois, que xurda a polémica e o rexeitamento entre a comunidade educativa. Será tan difícil axustarse aos feitos en vez de manipulalos? Falarán as unidades didácticas que o ministerio está a preparar da posible orixe árabe da Marcha Real? Esperemos que polo menos recollan os diversos intentos de lle poñer letra. Entre elas a de Ramiro Fonte ou Joaquín Sabina.