Ikea Podemos

Moitas persoas deciden comprar un moble de Ikea atraídas polo colorido catálogo publicitario e as súas campañas de marketing. Pero cargalo ata o vehículo e introducilo nel adoita ser unha odisea, aínda que insignificante en comparación coa posterior montaxe. Por veces faltan pezas ou as chaves son inadecuadas, aínda que o problema habitual soen ser as instrucións, ou talvez a falta de formación e experiencia como montadores, pois o produto está testado e é posible facelo. No caso das propostas de Podemos, será posible a montaxe? Estarán todas as pezas-cromos ou faltará algunha, como en case todas as coleccións? Realmente, eu desexaría comprar un moble de castiñeiro feito por un ebanista con experiencia e con deseño moderno e funcional que se adapte ás miñas necesidades. Non obstante, non o atopo. Será que os ebanistas igual que os castiñeiros están a desaparecer? Non sei que facer, imaxino a frustración se resulta que finalmente, como me temo, non hai quen sexa capaz de montar os deseños da formación morada.

Ikea Podemos

Te puede interesar