Emoticonas

Hai tres días, cando unha dependenta dun coñecido centro comercial me pediu que lle puxese unha cariña, estiven a piques de facerlle un aceno. Teño que recoñecer que tardei uns segundos en decatarme do que quería: unha valoración da súa atención a través de ridículas emoticonas. Na seguinte tenda, o dependente indicoume que me ían chamar por teléfono para puntuar a súa atención e que no caso de non pórlle a máxima nota, tería problemas, pois un 8 ou un 9 non servía de nada no código establecido pola empresa. Perverso! En que momento me contrataran as compañías comerciais para facerlles o traballo suxo e de balde, pregúntome? O futuro laboral desas persoas estaba nas miñas mans e na do resto de clientes. Que ocorrererá se un se nega a realizar a valoración? Talvez o traballador sexa sancionado por non ser quen de convencernos. Vai ser preciso comezar a encher follas de reclamacións para acabar con esta práctica abusiva que nos converte, cando somos clientes, en capataces negreiros e, cando traballadores, en servos temerosos do látego da cariña.

Emoticonas

Te puede interesar