A trazabilidade da marca España

Cidade en estrépito é o xeito en que Méndez Ferrín deu en chamar á vertixe da transformación urbana de Vigo na segunda metade do pasado século, fronte ao calificativo de cidade en bisbarra co que Otero Pedraio salientava a importancia que para esta cidade teñen as súas vinte parroquias.
É curioso que a vertixe poida se referir a ese estado mórbido no que se ten a sensación de falta de equilibrio no que todos os obxectos parecen xirar á nosa volta. Mais aluda tambén á tontura ou perturbación mental.
Contúrbame que os irmaos portugueses, eses galegos históricos do sur, empreguen a palavra estrépito ou estrondo para se referir á runfadela, a esa ostentación ou se gabar das riquezas, dos actos ou das cualidades proprias.
Tómolle emprestado a Ferrín esa comparanza de cidade en estrépito e desa vertixe de crescimento acelerado acaxomado ao desenrolismo franquista para llo apoñer a esa patria nomeada abusivamente España, cando mellor fora, atendendo á xustiza histórica, lle chamar Castela.
Se a trazabilidade animal no sector agroalimentario, é a capacidade de rastrexar un alimento a través de todas as etapas de produción, elaboración e distribución que forman a cadea alimentaria, entón o Codex Alimentarius español ten máis traza de fotuere ca de foedus. Porque ese ente mal chamado España impúxose con ese aquel trastamárico de muito fotuere e nengún foedus. España pariu con fórceps unha coroa unida pola forza centrípeta da especulación perturbada dese reino de Castela. Ese reino que se arrogou, nun estrondo sanguento, a ostentación, as riquezas e as cualidades dos demais reinos da península agás do portugués, invencivel, pola cobiza do cal fumos humillados, domados e castrados os galegos. Nós fumos as meirandes víctimas da marca España ao se retirar Portugal, trala batalla de Toro e o tratado de Alcaçovas, cando Castela inicia unha guerra cruel de isolamento da Galiza do norte da do sur, anque o convento bracarense ainda hoxe recenda a galeguía. E o alento dos mil ríos oufegou, e o Pedregal de Irimia esqueceu as fontes do Mondego.Ficamos sen traza nas Cortes das Hespañas que comezaron a se chamar España, nun singular unionista uniformizante. Só Zamora podía falar por nós, namentres os escravos galegos, cobaias da escravatura borbónica de alénmar embarcavan, enganados por un outro Feijóo, no Villa de Neda, para finar agres soños de supervivencia nos inxenios do azucre da colonia cubana. Só algún Ramón de la Sagra ergueu a voz nas Cortes para defender ao noso povo daquel cortello de estrume e molime patrio dun imperio de vertixe e estrépito en todas as súas acepcións semánticas.
Porque a trazabilidade da marca España sempre foi a do sometemento e o aniquilamento de todos os reinos da península, puras colonias de aquén e alénmar. Iso é o que eu vexo cando ondean as bandeiras os unionistas españois, os imperialistas casteláns doutrora. Vexo non máis que un reino que non admite o dereito á autodeterminación dos povos que asimilou pola forza e que se cre autorizado a falar en nome das nazóns sumetidas. Nen Filipe II tiña tanta fachenda!. Porque aínda governando toda a península, remata no seu testamento, asinando somentes como rei de Castela. Porén Filipe VI faino en nome de España en intolerante singular. 
Ese unionismo que voa en Ave a Catalunya con bandeiras non republicanas é o mesmo que conquistou a ilexítima Isabel contra a herdeira e lexítima Xoana. Dicilo é de lei, malia a eu ser galega e republicana. Hordas de trastámaras contra os dereitos lexítimos dos povos a desfilar pola Diagonal da historia fanada. E non deixa de ser chacota histórica que o nome dos hespañois fora o nome que os cataláns recebían en Italia cando a expansión marítima mediterránea. E que na Italia renacentista, lingua española fora o nome que se empregava para a lingua catalá.
Se algún día somos quen a liberar a Europa do novo rapto mítico, esta vez dos mercados transnacionais dos tratados comerciais criminosos, cobizosos dun único imperio para expoliar a treu os recursos dos territorios protexidos polas diversas linguas, rastrexaremos as trazas de pesticidas imperiais trasnoitados, de aditivos canceríxenos coas células comunais das nazóns sen Estado e coa soberanía dos territorios. Agromarán, entón, do sochán, a regalía das linguas e as culturas asoballadas, a ideoloxía limpa e rexa do poder da Comuna contra o Capital, da nazón contra o imperio, da cidade en bisbarra co garimoso canto da parroquias suevas, fronte á cidade en estrépito ou vertixe, inerme, como unha árvore sen raigames.
Este artigo inspiroumo Francisco Sampedro, galego do norte,                                                                                                                filósofo coruñés e melómano sen par do sur da Galiza.

A trazabilidade da marca España

Te puede interesar