A patria dos buscadores de traves de ouro

Falava aquel humilde e sabio rianxeiro, tan douto en teatros de farsas e fantoches, de que a nosa enfermidade, o mal dos galegos era esa sorrisa encolleita de ombreiros que algúns coidavan que era o noso talento. E se preguntava aquel escritor antifeixista se atopariamos un cento de galegos para os que non fora unha regalía choromicar nen unha mostra de talento revirar os ollos coa solapa ergueita. Acreditava en que atopariamos non só cen senón milleiros de galegos capaces de seriedade, e de ledicia, e de dureza. Félix Muriel, aquel sobranceiro home con conciencia de grupo, albiscava nun artigo xornalístico do ano 27, en plena ditadura primoriveirista, unha segreda forza que non nos coidaramos de desentoñar por ter partido do suposto de que non existía. Teimava en que quen dese mostras de crer neses galegos parecería, a aqueles que se amosan máis solertes, un pobre buscador de trabes de ouro. 
Pergúntome se case un cento de anos despois seguiremos sendo aqueles pobres buscadores de trabes de ouro. Pergúntome se  sequera estaremos sabidos do mito da trabe de ouro e a trabe de alcatrán. Teremos que reivindicar un orgullo foncho do ser galego per se ou teremos de aprender a ver e a sentir sen fachenda?Dixuntiva daquel Sócrates galego que era Dieste, a dizer de seu grande amigo Otero Espasandín. 
A capacidade crítica de Rafael Dieste e a súa independenza de criterio fíxoo combatir esa teima inmobilizante e falaz das esencias, como Anxo Tarrío ben dixera. 
Fai que un destino dependa dos teus actos! Sede realmente creadores! Sabios consellos daquel nemigo do simplismo baixo calquera bandeira ou símbolo. A vella pel do mundo na experiencia do eterno retorno como esa fe na capacidade de muda do ser humano. Reclama a liberdade sendo livre!
Aponta sutilmente Francisco Sampedro que xa Dieste alertava do risco da esclerose do marxismo, paralela á constitución de organismos rexidos por fripóns, eses arribistas de esquerda, os corruptos, aqueles que se empoleiran á esquerda por motivos extra-revolucionarios, por vontade de poder para procurar recoñecemento público, status...aqueles que ao dizer althusseriano, no canto de server ao povo, sérvense de el.
Os galegos seguemos dando voltas a redor da mesma noria, ciclo tras ciclo,  o atribulado don Frontán disfrazando de humildade o autodesprezo cando non engordando, ao outro cabo,  dun orgullo falso. Un corpo baleirado de seu espírito ou viceversa.Teremos de debater sobre esa doenza nosa que ten como síntoma esa sorrisa encolleita de ombreiros que temos por talento. Debater alén de nos manifestar, alén de nos orgullar nese circo sen centro nen eixo. Non podemos agardar ao 2666 para que Amalfitano  pendure a secar o exemplar do Testamento Xeométrico nun éxito póstumo e estranxeiro. 
Fagamos que un destino dependa dos nosos actos!. Sexamos realmente creadores e deixemos de orgullarmonos en simulacros. 
Fagamos tornavoce dos nosos feitos e desbotemos as verbas vacuas. Desbotemos do tabuleiro de xadrez a ese bispo e esa torre que envexan mutuamente os movementos do outro. Nostridade, mais nostridade crítica e creativa. Reconceptualicemos a saudade e o enxebrismo, porque nen unha nazón vive somentes de emocións nen unha conducta enxebre é boa de seu. Pois ao dizer diesteano, unha cultura non se fai gabándoa. Porén hoxe a nosa personalidade esquizoide e colonizada segue a fluctuar do ninguneo á louvamiña nun eterno desequilibrio improductivo e cataléptico tan semellante ao dos encantos lendarios que arrepía.
Teremos que tomar na encrucillada o imaxinario colectivo da tradición oral das mouras e celebrar a Matria Galega fronte á Patria. A Matria das mulleres guerreiras e territoriais que gardaron soterrados so dos castros outra Galiza posivel. A do cultivo vagarento e solermiño, na sombra do val, no silenzo paciente, na humildosa criación cotiá e deixar de buscar esa trabe de ouro risquiana para non dar coa Gallarda e dona Chama que posúen cen cabezas de homes penduradas dunha trabe que sempre estoupa derramando ese mouro idealismo de alcatrán

A patria dos buscadores de traves de ouro

Te puede interesar