CAIROS, DENTES, PITOS E LIVROS NO PARAÍSO DAS FRANQUICIAS

Houvo pisos francos e hai franquicias. Hoxe, camiñando as rúas ferrolanas, entre o deleixo das vivendas dun centro triste e depauperado, entre as minúsculas estatuas de políticos e capirotes imperiais que medraron ao abeiro dun governo popular e os cascallos dunha cidade desarmada en prazas de armas. Hoxe, digo, camiñando entre xubilados que rabuñan no peto a ver se lles dá para tomar un café, esfondados pola cárrega de fillos equilibristas dun traballo máis volátil ainda que a planta de gas da ría. Camiñando, entre pensionistas eslombados de exercer de pais por falla de escolas infantís asequiveis e endevedados avais de vivendas ou custosos alugueres...que ollan pasmados os centos de vivendas baleiras en propriedade especulativa de catro ferroláns, tres inmobiliarias e dous bancos. Hoxe camiñando Ferrol, a cidade que cada día derrama mozos e homes e mulleres desesperados por reencarnar para que lles dea tempo a cotizar unha pensión que escorrega polos sumidoiros das dereitas cara a paraísos fiscais. Hoxe camiñando a cidade desmantelada a plazos pero disciplinadamente dende a Europa dos mercados e coa complicidade do bipartidismo español...hoxe vexo un povo desafiuzado e inerme. Máis inerme que un verme carpinteiro, non un verme canteiro de luz na cidade Ilustrada. 
Mais há negocios que prosperan. Há nichos de mercado, que lle din agora, e non se refiren aos que tamén se poden mercar no cemiterio de Catabois, cos que seguro que tamén se pode especular. Incluso na cidade deseñada para o derrame que é Ferrol abrollan novos negocios!.
Nos últimos tempos en Ferrol dáse o misterio da santísima trindade. Cicais pola declaración de Ben de Interese Nacional para a súa Semana Santa. Na cidade que menos nenos nacen da nazón máis avellentada da Europa medran coma fungos as tendas de roupa infantil. Non é máis grande misterio que o do partillamento dos panes e dos peixes bíblicos?. E xunto delas, as de low cost ou baixo custe do traballo escravo e esas estranas clínicas dentais nos mellores locais e con exceso de luz branca. Todas elas, por suposto, franquiciadas e publicitadas até o derroche.
Hoxe as franquicias son a aristocracia do traballo servil ou escravo. A mellor ou a única posibilidade de atopar os nichos de mercado antes de chegar ao nicho do sartego a perpetuidade. Por iso é que até as máis vellas e fermosas livrarias, eses locais maravillosos que facían as delicias dos viciosos das letras e do papel amarelo, segredas e escuras, onde o libreiro, un home inmortal que saía do agocho dun livro no que navegava entre cliente e cliente para te contar a vida aventureira de Jack London ou a admiración de Verne pola ría de Vigo... esas vellas e fermosas livrarias foron asasinadas polos nuveiros online e o mundo informatizado e impersoal do livro actual das grandes superficies comerciais. Somentes fica agora o livreiro presencial que mirando aos ollos da pantalla é quen de te traer o derradeiro best-seller do tertuliano das ondas televisivas de aparvamento masivo.
Mais pior son as bocas desdentadas como aquelas do cadro de Goya dos Vellos comendo sopa que críamos tan lonxanas!. Bocas de  parados ou traballadores que non teñen salario para poñer dentes. Pitos cairos destinados ao grande galiñeiro do capitalismo selvaxe ao que algúns chaman democracia representativa. Bocas tristes, sen sorrisos, porque a seguridade social non cubre os dentes que caen pola lei da gravidade. E así veñen os odontólogos cubanos a montar a súa clínica porque alí en Cuba si entran os dentes na seguridade social. Na Cuba castrista si há dereito universal a unha educación pública e laica e a unha sanidade integral e gratuita. 
E ao abeiro desta selvaxe privatización da saúde, (evidente diante do escándalo do novo hospital de Vigo, que sería a vergonza do ilustre escritor ao que castigaron co seu nome, Cunqueiro), ao abeiro medran os personaxes sen escrúpulos que abren franquicias e contratan médicos e bos profesionais a prezo de ganga para levar os seus cartos a paraísos fiscais como os piores directivos corruptos da banca. 
España é o paraíso das franquicias e do branquexo de capitais. Vitaldent é só unha máis. 
 

CAIROS, DENTES, PITOS E LIVROS NO PARAÍSO DAS FRANQUICIAS

Te puede interesar